Recente descubrimento micolóxico nos visita no Barbanza este outono

Este é o aspecto do cogomelo unha vez lavado de terra.
Despois dun obrigado paréntesis de comezo de ano, volvemos á carga cunha curiosidade micolóxica que a pasada tempada apareceu pola nosa zona. Resulta que este outono tivemos a fotuna de atoparnos con un cogomelo ben raro, tanto, como que se describiu esta especie por vez primeira no ano 2006. Pero non poñamos o carro diante dos bois, que diría o mestre Yoda. A historia de hoxe é unha desas historias nas que a fortuna micolóxica te agasalla con algún novo, curioso e fermoso cogomelo que  non esperabas atopar. Por iso queremos comezar este ano compartindo con vos este achado. Así que, ¿como era aquilo? Ah, si: Érase unha vez no Reino Fungi...

Lugar do achado
Nunha saída no entorno da Pedra das cabras (un coñecido petroglifo da zona) en Ribeira, na que me acompañaba o amigo e socio Fernando Quintela, chamounos a atención como preto do monumento un dos últimos temporáis tirara ó chan un vello piñeiro que xa levaba morto varios anos. Nunca naquel piñeiro atopáramos máis que os puntuáis exemplares de Gymnopilus junionus ou algún mixomiceto na súa corteza, como Enteridium lycoperdon. A árbore está á beira dun camiño e moi á vista, moi próximo tamén ó famoso petroglifo. Así que estaba ben "controlada", era unha vella coñecida. Sen embargo, nunca vimos nada raro, micolóxicamente falando, alí.

Neste estado atopamos os cogomelos
Pero ó achegarnos á árbore caída a fedellar nos atopamos cun curioso cogomelo, xa algo pasado e mofoso, que medraba xusto na base do tronco que quedaba baixo terra cando se erguía en pé, aínda que a maior sorpresa chegou ó asomarnos ó furado que deixara a árbore e atoparnos con dúas fructificacións en bo estado e cubertas de terra de algo que nun primeiro momento só puidemos achegar ó xénero sparassis como opción máis probable. Á dereita podedes ver ó estado no que se atoparon. Na imaxe que abre o artigo o cogomelo xa fora lavado da terra no regato ó carón do cal medraba.

Outra frutificación atopada máis tarde
Efectivamente, era unha sparassis. Afortunadamente este xénero non é moi numeroso e comprobando unha a unha as especies, só era cuestión de tempo atoparnos ca identidade do noso novo amigo. Tratábase, como puidemos comprobar máis tarde, dunha nova especie galega descrita en 2006 e que se convertiu na oitava especie do xénero no mundo: Sparassis miniensis Blanco-Dios & Zheng Wang (o de miniensis fai referencia ó lugar onde se atopou, nas ribeiras do río Miño preto de Salceda de Caselas, nun piñeiral de Pinus pinaster). A imaxe da esquerda corresponde a oitro exemplar atopado no mesmo lugar unhas semanas despóis, aínda que como vedes desafortunadamente chegamos un pouquiño tarde para collelo en todo o seu esplendor.

Exemplar atopado en Rianxo
Pero este outono non só apareceu en Ribeira, non vaiades a pensar; dende Rianxo nos chegou da man do socio Anxo Vela Ces outro exemplar de Sparassis miniensis, que podedes ver na imaxe do lado en todo o seu esplendor de noviño. De outro exemplar todavía maior e atopado en Boiro nos queda a dúbida pois non puidemos chegar a examinalo, pero as imaxes apuntaban claramente a Sparassis miniensis tamén.

Pero botemos un ollo á descripción desta fermosa especie, ¿vos parece?

DESCRIPCIÓN

Detalle da base do "pé"
Corpo frutífero: 110-180 x 140-210 mm. Composto por un grupo disperso de ramificacións que emerxen dunha base central pouco desenvolta (hasta 80 x 35mm) de laranxa a rosa purpúra.
As ramificacións teñen ata 10 cm de ancho e 2 milímetros de espesor. Fráxiles, dispersas, ca marxe profundamente irregular e laciniada, cun aspecto que lembra ós pétalos dos clavéis, pero de maneira máis acusada (coma se tivesen flecos). Superficie sutilmente pruinosa ou glabra, zonada (hai que fixarse ben, a coloración é moi suave), branquecina e crema-ocrácea ó envellecer.

Detalle da marxe das ramificacións
Himenio: Liso, branco grisáceo.

Carne: Suave, concolora co carpóforo, lixeiramente flexible. Olor agrdable e lixeirmente doce. Carne amarga ou de sabor lixeiramente fúnxico.


Hábitat: Sobre madeira morta de piñeiros. Posiblemente parásito ocasional coma algún dos compañeiros de xénero.

Observacións:  Sparassis miniensis é morfolóxicamente distinguible de oitras especies de sparassis atendendo ós seguintes caracteres macroscópicos, lembrade: ramificacións dispersas, sen pé central ben definido e fortemente laciniadas, xunto cunha coloración na base das ramificacións entre laranxa a rosa-púrpura.

Como curiosidade, comentarvos que recentes estudios moleculares centrados sobre a filoxenética (o estudo das relacións de proximidade evolutiva entre especies) sobre o xénero sparassis o situan  moi próximo a dous coñecidos poliporales como son Laetiporus sulphureus e Phaeolus schweinitzii, que morfoloxicamente pouco ou nada teñen que ver entre sí; curiosidades da evolución...

2 comentarios:

  1. Acabo de quedar parva, e eu que erre que erre era unha laminosa. Unha vez máis, sácome o sombreiro ante tamaña sabedoría. Lendo a descripción e vendo as fotos, a verdade é que é igualiña ás que me trouxeron. Saudiños e vémonos na próxima

    ResponderEliminar
  2. Saúdos Funguiño; xa sabes que non teño moita idea de cogomelos excepto para comelos, (quítolle o "go" e valénme igual)...e tal vez sexa esta ignorancia a que me leva a preguntarche que carayo significan:

    "concolora", "agrdable", e "lixeirmente".

    :-P

    P.D.: O de concolora dígocho en serio, hata busquei o termo

    ResponderEliminar

Related Posts with Thumbnails