Teeeeño unha vaaaaaca seteeeeeraaaaa...

... non é unha vaca calqueeeraaaa. E podedes xuralo por Fries. Non é unha vaca calquera a protagonista do video, extraordinario documento, e que chegous as nosas mans gracias ó chivatazo do amigo Julián Alonso da Sociedade Micolóxica Lucus.

Imos deixar unha pregunta no aire antes de dar paso ó video: ¿Algunha vez vistes comer macrolepiotas a unha vaca por estos lares? Pois pasen e vexan como se pon a amiga, logo comentamos:


Como lle roe a condeada, ¿eh? Non é nada estrano atoparse os tres termos da ecuación nun mesmo lugar en Galicia, xa que temos tódolas incógnitas: vacas, bos prados e macrolepiotas. Xa se sabe, as vacas gustan dos prados, e as macrolepiotas dos prados aboados polas bostas destas. O que si que nunca nos atopamos foron vacas atacándolle duro ós cogomelos. É máis, temos visto moitas veces vacas en prados cubertos de macrolepiotas, e estas non facerlles o máis mínimo caso, aínda que parece ser que si se dan casos en que lles da por rumiar bos boletus (como se nos comenta na Guía Micolóxica dos Ecosistemas Galegos, de Marisa Castro, Alfredo Justo e Ana Soliño).

Quizáis o voraz apetito polas macrolepiotas que mostra a nosa melenuda amiga do video, teña que ver ca raza a que pertence: unha vaca das Highlands, raza oriunda das terras altas escocesas. Estas vacas están adaptadas ás duras condicións de vida das terras do norte de Escocia, de ahí o aspecto de wookie de Star Wars para abrigarse dos duros invernos escoceses, e a súa capacidade para comer prácticamente de todo naquelas terras ermas. Esa pode ser a clave da diferencia no comportamento cas vacas de por aquí, máis inclinadas polos verdes pastos galegos, afortunadamente para nos, que polas macrolepiotas. ¿Será este o segredo do misterio da vaca larpeira?

Por certo, se tedes material deste tipo ou algunha experencia relacionada, non dubidedes en compartilo con nos. Todo sexa por coñecer algo máis do papel dos cogomelos nos nosos ecosistemas en relación ós animáis micófagos. Podedes deixar os vosos comentarios neste artigo, e a ver que aprendemos todos xuntos...

P.D.: Por certo, vaia merda de primavera. Micolóxicamente falando, claro.
Ler máis...

Hoxe vos traemos... ¡Novo cogomelo dende a Illa de Sálvora!

Fotografías: Jesús Manuel Parada Miniño

A entrada da ría de Arousa ten dende sempre un privilexiado garda que nos da a benvida antes de adentrarnos nas súas ricas augas. Este remanente emerxido da serra do Barbanza, antano unido a terra polo Carreiro de Aguiño, acochaba no seu colo o pequeno tesouro micolóxico que podedes ver na imaxe que abre este artigo. Desta vez teño a incrible sorte de falarvos deste descubrimento dende a privilexiada posición que me ofrece o feito de haber participado nel xunto con un primeira espada da micoloxía como é Jaime Blanco Dios. Así que hoxe, por variar, imos a contarvos esta historia de primeira man, fresca e todavía arrecendendo a mar.


Todo comezou cando Jaime me brindou a oportunidade de acompañalo á illa de Sálvora o pasado 8 de abril, nuha visita á illa encadrada nos traballos de catalogación da flora e micoflora que éste está a realizar no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e que o levou tamén a descubrir en Ons, coma xa vimos, a Clitocybe auniosiana. Así que alá me fun, cámara e trípode en man, co obxetivo de disfrutar dunha boa xornada e, se había moita sorte, poder observar e fotografiar in situ algúns exemplares de Myriostoma coliforme que o ano pasado Jaime citara por primeira vez para Galicia. Se soaba a flauta, fantabuloso, se non, sempre quedaba empaparse da beleza natural da illa, que non é pouca.

Chovera uns días atrás, aínda que ese día facía un sol de xustiza, así que, menos que máis, algo esperabamos ver. E non tardamos. Menos de 15 minutos logo de poñer o pé en terra e mentres todavía asimilaba as advertencias de Jaime acerca das megacarrachas (e que se poderían cazar con arco e frechas, como logo puiden comprobar) que pululan pola illa adiante, algo me chamou a atención nunha zanxa ó borde do camiño. Aquel foi o primeiro contacto que tivemos ca protagonista de hoxe. Máis adiante nos agardaban máis exemplares entre os brións e as finas herbas de pequenos prados ben abonados polos numerosos coellos de Sálvora.

Despois de un lixeiro exame macroscópico inicial (unha ollada por riba, vamos) a Jaime xa lle pareceu un achado interesante; a min, un cogomelo descoñecido máis da miña extensísima lista particular de cogomelos sen nome. De pequeno tamano, cor parda, os sombreiros dos exemplares máis maduros se colorean preto da marxe con tons parado alaranxados. A cor das lamelas era máis clara, e algúns exemplares aparecían ca aresta dunha marcada cor negra (podedes ver estes detalles nas imaxes, facendo click para ampliar). Iso si, tiña unha particularidade que sen dúbida debía de axudar na súa identificación: o seu arrecendo.

O olor que desprende este cogomelo non é especialmente intenso, pero si claramente percibible. Nun primeiro momento lembroume o cheiro a mar, esa mistura de aromas que nos trae a brisa a pé de praia... pero aínda que estaba presente non era exactamente iso. Cheiraba a peixe, a peixe fresco. Moi apropiado para un cogomelo cuio hábitat é unha illa.

O estudo de microscopía levado a cabo por Jaime había máis tarde de encadrar o novo cogomelo no xénero arrhenia, representado principalmente na nosa comunidade, sobre todo na costa, por Arrhenia rickenii. Finalmente, o nome escolllido tiña que, como non, facer referencia á fermosa illa arousana, de ahí bautizalo como Arrhenia salvorana, que hoxe vos presentamos. E así acaba o conto, todos felices comendo lombrices (ou algo así era...).

Como despedida, vos deixamos con algunhas imaxes da illa, que nesas datas estaba especialmente fermosa co despertar das flores na primavera. Un auténtico pracer para os sentidos perderse nela rodeados de natureza salvaxe, carrachas coma nécoras e gaivotas de mirada ameazante.




Benvida, Arrhenia salvorana e graciñas pola oportunidade, Jaime. Ler máis...

Novo fungo bautizado en honor a... ¡BOB ESPONXA!

Fotografía: Tom Bruns (cogomelo) e Dennis Desjardin e Andrew Ichimura (himenio ó microscopio)
Non amigos, o título desta entrada non é froito dun dos nosos chistes malos. O cogomelo que podedes ver na imaxe foi bautizado polos seus descubridores co nome de Spongiforma squarepantsii. en homenaxe á máis famosa das esponxas dos sete mares. Como veredes máis adiante, a elección deste nome necesita dalgunha explicación aparte da evidente, pero imos por pasos. E o primeiro, é Bob.

Se os últimos anos estivestes vivindo encerrado nun bunker ou nunha illa deserta, é posible que non coñezades a este simpático persoaxe de debuxos animados que vive nunha piña debaixo do mar en Fondo de Bikini e que volve tolos a nenos e non tan nenos. Para eses, os perdidos, á esquerda tedes unha instantánea tomada de Bob Esponxa ó enterarse de que un novo fungo ía nomearse no seu honor. Noraboa Bob, non é para menos. Agora, se queredes coñecer con nos máis sobre este curioso e esponxoso cogomelo, pinchade abaixo en "ler máis":


A nova especie foi descuberta en 2010 en Lambir Hills, en Sarawak, na illa de Borneo (Malasia), polo profesor de ecoloxía e evolución da Universidade Estatal de San Francisco Dennis Desjardin (a quen xa tivemos a oportunidade de coñecer con motivo doitro descubrimento micolóxico neste blog aquí), Kabir G. Peay e Thomas D. Bruns. Uns cachondos.

Pero botemos unha ollada á etimoloxía do novo nome que deixamos antes aparcada: Spongiforma squarepantsii. O nome do xénero, spongiforma, xa existía, e significa literalmente "con forma de exponxa". De feito, este é o segundo fungo descuberto no mundo deste xénero. O primeiro nomeouse Spongiforma thailandica en 2009 e no seu descubrimento tamén estivo implicado o profesor Desjardin . A homenaxe a Bob toma forma no epíteto e necesita dunha pequena explicación: o nome deste persoaxe en inglés é Spongebob Squarepants (literalmente Bob Esponxa Pantalóns Cadrados), e é a partir de este apelido, Squarepants, que os descubridores nomean o fungo, squarepantsii.

Repasando o aspecto de este novo cogomelo, se entende perfectamente o nome escollido, pero os seus descubridores tiñan máis motivos. Para entendelos, fixádevos no aspecto do himenio nesta imaxe de microscopio electrónico que tedes aquí á dereita. Para os seus descubridores, o estructura de arrecife de coral recuberto de esponxas deste foi o oitro motivo de peso, aparte do obvio da morfoloxía do cogomelo, para chamar a este novo fungo como a o amigo Bob.

Na descripción do cogomelo aparecida na revista Mycologia de maio deste ano, os autores describen o seu olor como vagamente afroitado, cun forte toque a humidade. O da humidade é comprensible, pois a súa táctica para almacear auga é bastante obvia: compórtase como unha auténtica esponxa. De feito, coma nos conta o propio Desjardin, este cogomelo ten a curiosa propiedade de recuperar a súa forma se o exprimimos e lle escurrimos a auga (pensade no resultado de facer isto con calqueira outro cogomelo...). Pero ista non é a última das sorpresas de Spongiforma squarepantsii, xa que as análises de ADN confirmaron a súa inclusión na familia Boletaceae.

O que ocorre é que este cogomelo pertence a unha forma evolucionada dentro da familia dos boletos, que trocou o seu sombreiro nunha estructura esponxosa ó tempo que desaparecía o pé , o que lle permite no seu hábitat tropical absorber a humidade do aire e almacenala en condicións de ausencia de chuvias. Lembremos que unha das funcións do sombreiro dos cogomelos é precisamente manter a humidade das súas esporas e evitar a súa deshidratación; o cambio de morfoloxía deste cogomelo é a súa resposta evolutiva nun clima tropical ó problema de manterse hidratado. O Reino Fungi, novamente, dándonos unha clase maxistral de xenio enxeñeril.

Pero no vaiades a pensar que isto é todo. Dennis Desjardin, que non para e seguramente veremos nesta bitácora mási pronto que tarde, xa anunciou que proximamente aparecerán publicadas cinco novas especies oriundas de Hawai, lugar no que traballa con seu colega Don Hemmes no estudo da diversidade fúnxica dos bosques nativos das illas pacíficas. Estade atentos a estas páxinas pois en canto teñamos noticias destes fungos hawaianos volo contaremos aquí, coma sempre, en Refungando.

Está a ser un bo ano en canto ó descubrimento de novos cogomelos, non descartedes que calquira día de estes apareza unha nova especie por aquí preto, eu que sei, en Sálvora por poñer un exemplo...

Ler máis...

Isto SÍ é unha trufa branca


Ante a polémica e tormenta de gargalladas despois da entrada das "trufas brancas de Serra Nevada" xunto ca cantidade de informacións recibidas acerca do exemplar desta especie máis grande/caro do mundo, dende Refungando nos vimos obrigados a facer unha investigación ó respecto para aclarar os onde, cando, canto e quen que planean sobre este asunto. ¡Imos aló!

A imaxe que vedes na entrada deste artigo mostra á campiona mundial das trufas brancas a día de hoxe, desenterrada en Palaia, preto de Pisa (Italia) o 23 Novembro de 2007 por Cristiano e Luciano Savini, pai e fillo (sen deixar de lembrar, por suposto, ó verdadeiro protagonista do asunto, o can da familia Rocco, que foi quen dou co preciado cogomelo).

Agora que xa temos as respostas ó cando e ó donde, imos agora a desvelar o canto. O peso da nosa protagonista foi de aproximadamente 1,3 kilos, pero non é este o dato máis impresionante. O cogomelo en cuestión saiu a subasta no Gran Hotel de Lisboa de Macao (China) o 1 de Decembro de 2007, mentres a subasta se podía seguir tamén por videoconferencia en Londres e Florencia. O exemplar de Tuber magnatum chegou a acadar finalmente o precio de, ajarrade a carteira que vai tremer, 330.000 €.

Pero queda unha pregunta sen resposta: ¿Quen soltou esta salsa por un cogomelo? Pois nin máis nin menos que o propietario do devandito hotel, Stanley Ho, un multimillonario chino afecionado a este manxar e que gusta cada ano de puxar polas millores trufas (brancas, por suposto). Con este tesouro culinario, Stanley celebrou un banquete para os amigotes da taberna e regalou ós máis achegados algún que oitro pedazo. Para él, nada demasiado sofisticado, un bo prato de espaguetis espolvoreados por riba ca preciada trufa.

Imaxino que a estas alturas estaredes todos a botar conta do que fariades con estes cartos, pero vos aseguro que non o que os afortunados caza-trufas italianos: os beneficios da subasta foron a parar a unha institución italiana que axuda a quenes padecen de enfermidades xenéticas, un grupo londinense que se ocupa dos nenos que viven na rúa e para cáritas católica en Macao. Con un par de trufas.

Por certo, o da imaxe da esquerda e o mesmísimo Cristiano Savini pousando co preciado cogomelo hipoxeo.

¡Quen o pillara! Ler máis...

Guía de setas de Burela e a Mariña

Pouco a pouco a bibliografía galega no terreo micolóxico vai facendo cada vez máis bulto nas nosas estanterías. Libros que na súa maioría, aínda sen ser recopilacións exahustivas da riqueza micolóxica dunha zona, se converten en fantásticas mostras da mesma ó tempo que se amosan como valioso apoio das nosas identificacións a outros manuáis (de feito, este xa nos botou unha man ó pouco de telo nas nosas mans) . Nesta ocasión, a bióloga e micóloga coruñesa e afincada en Burela Mª Cristina García-Echave Puente é a encargada de traernos á casa as marabillas micolóxicas da zona da Mariña luguesa.

Nos atopamos ó pasar as primeiras páxinas cun sinxelo manual ideal para quenes busquen un primeiro libro que non os abrume con grandes páxinas de textos e textos cheos deses palabros "raros" que abundan na micoloxía e que a veces afogan ó neófito. Un bo manual de primeiro contacto. Desta maneira, logo do prólogo de José M. Castro Marcote, a guía repasa ás características e hábitas da zona para introducirnos brevemente na bioloxía dos fungos e finalmente centrarnos nos caracteres macroscópicos e organolépticos básicos antes de entrar xa de cheo nas fichas descriptivas.

A guía nos ofrece ó longo de 142 fichas fantásticas fotografías a media páxina que o afecionado saberá agradecer, xunto con descripcións bastante completas dos cogomelos máis representativos da bisbarra luguesa.

Por último e para rematar a faena, non podían faltar unhas recomendacións culinarias na forma de sinxelas receitas do máis apetecibles: eses berberechos con sendeiriñas á mariñeira dan janas de rebañar co pan a páxina do libro, sen olvidarnos tampouco desas tostas con seta de chopo que xa temos apuntadas tamén na axenda de próximas catas de cociña micolóxica.

Sen dúbida os afecionados da zona xa tedes un bo trampolín para iniciarvos neste apaixoante mundo da man de Mª Cristina, non dubidedes en aproveitalo. Os demáis, xa sabedes, cantos máis abultada sexa a vosa bibliografía micolóxica, máis facil vos será contrastar unha identificación, confirmala, ou simplemente atoparvos con novos cogomelos, xa que debido ó gran número de especies deste reino, nunca teredes nas máns un manual o suficientemente completo. Cantos máis, millor.

¡Noraboa polo traballo, Mª Cristina! Ler máis...
Related Posts with Thumbnails