XXII Xeiras Micolóxicas de Adenco

Son tempos duros de moito traballo para aqueles que pertencemos a algunha asociación micolóxica ou, como no caso do Grupo Ecoloxista ADENCO (Asociación para a Defensa da Natureza do Condado), nos adicamos a organizar en outono eventos de este tipo. Comento esto porque das "triples" xornadas que se marcan os amigos, xa nos perdemos as de Ponteareas, pero estes días non damos para máis. Desculpas compañeiros.

Dito o cal, todavía estades a tempo de mergullaros no mundo dos fungos e disfrutar das xornadas micolóxicas que se celebrarán en Ponteareas o 4, 5 e 6 de novembro e das de Arbo o 11, 12 e 13 deste mesmo mes.

A continuación vos deixamos os programas das dúas xornadas que se celebrarán este mes; tan so tedes que premer na imaxe correspondente.

Ler máis...

VI Actividades Micolóxicas de Pontevedra

E seguimos con máis e máis actividades nun mes no que non ides ter excusa para non achegarvos xunto algunha das asociacións micolóxicas da nosa comunidade e participar nas súas charlas e actividades. Algunha vos cae preto, seguro.

Neste caso son os compañeiros de Brincabois en Pontevedra os que aportan o seu gran de micelio ó outono micolóxico galego. Ollo que este ano cambian de ubicación para as charlas, que se celebrarán no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra.

Aínda que xa pasaron dúas das charlas, este ano aínda estades a tempo de escoitar a un servidor falando deste noso blog hoxe ás 20:30 e mañá á mesma hora ó Arzak galego dos cogomelos José Luis Tomé introducíndonos no mundo dos boletus e a cociña.

Podedes botar un ollo ó resto de activdades, incluindo saídas, exposición de cogomelos e demostración de cociña micolóxica premendo no cartel das xornadas que acompaña esta entrada.

¡Vémonos refungando en Pontevedra! Ler máis...

Xa nas librerías "500 setas del litoral atlántico y Noroeste Peninsular": O sucesor de "Cogomelos de Galicia"

Fotografía da portada: Coprinopsis erythrocephala (JMC Marcote)

Cando J.M. Castro Marcote me contaba hai uns meses que unha segunda parte do coñecidísimo manual micolóxico "Cogomelos de Galicia" se estaba a cociñar, me metía un bicho no corpo que non parou de roer ata que tiven o novo traballo dos rapaces de Cee nas mans.

Se algo lle podiamos pedir ó primeiro "Cogomelos de Galicia", por aquilo de que por pedir que non quede, eran máis cogomelos. Máis, máis raros e, se podía ser, con algun apoio de fotografía microscópica para axudar nas identificacións. Dito e feito, eiquí o temos fresquiño.

O novo manual, que os máis observadores haberedes notado non leva o orixinal nome de "Cogomelos de Galicia 2", senon "500 setas del litoral atlántico y noroeste peninsular" (dos autores J.M. Castro Marcote, M. Pose e J.M. Traba) nos ofrece o anteriormente comentado e máis. Ás novas 500 fichas de cogomelos, acompañadas das mesmas fantásticas fotografías que o seu predecesor, hai que sumarlle unha ampla e interesantísima introducción (no "lugar" da parte adicada á macroscopía do primeiro libro) na que Xosé María Costa Lago nos leva da man nun percorrido etnomicolóxico a través da historia, usos e abusos dos cogomelos ata os nosos días. Para que vos fagades unha idea do completo do aporte, ahí vai un listado dos contidos etnomicolóxicos do novo manual micolóxico:
  • Usos alimentarios (dos cogomelos, se entende)
  • Usos medicinales
  • Usos rituales
  • Utilidades de los poliporos
  • Utilidades de los gasteromycetes
¿Parece completiño? É completiño. Gran aporte o do amigo Costa o aperitivo etnomicolóxico ó que ven logo.

¿E de cogomelos como anda? Pois como ben di o título do libro, temos entre mans 500 cogomelos máis que están ben, moi ben, fotografiados e descritos, algúns deles con apuntes de microscopía na forma de fotografías das esporas ou das estructuras microscópicas máis relevantes para a súa identificación. Se inclúen ademáis moitas especies representativas do ecosistema dunar galego, xunto con oitras especies da nosa comunidade veciña, Asturias (hmm, fabaaaadaaaa...), características de bosques alí máis representados que na nosa comunidade coma son os faiais. Especial mención ós ascomicetos, cunha nutrida representación neste manual que farán as delicias dos amantes dalgúns dos cogomelos máis extravagantes, coma eu mesmo.

Por certo, o novo manual sae en castelán, ainda que hai plans para que en breve tamén o faga en galego. Para a reedición do primeiro "Cogomelos de Galicia", que se cotiza como ouro en pano, haberá que esperar ó ano que ven.

En resumo, imprescindible. Xunto con primeiro volume, temos 1000 cogomelos perfectamente fotografiados e descritos para axudarnos nas nosas identificacións. Xa estades a tardar para ter esta pequena xoia entre as mans, o cal é valido tanto para os que vivimos en Galicia, como para os que estades fora.

Noraboa ós autores polo gran traballo, ¡e que sexan moitos máis! Ler máis...

III Outono Micolóxico NEGREIRA 2011

A Asociación Micolóxica Sendeiriña de Negreira xa ten todo o micelio listo para as súas xornadas micolóxicas deste ano (e tanto, como que as súas actividades comezaban onte; desculpade o retraso rapaces).

Así que, amigos micófilos de Negreira e arredores, tomade boa e micolóxica nota das actividades que poderedes disfrutar este ano e procurade facer bo o dito: "Nunca te deitarás sen coñecer un cogomelo máis". ¡¡Marchando unha de programa micolóxico!!!

EXPOSICIÓN NAS CASETAS DO COTÓN:
Domingo día 23 de outubro.

Casetas do Pazo do Cotón de 11:00 a 14:00

EXPOSICIÓN NOS CENTROS EDUCATIVOS:
Luns día 24 de Outubro.

SAÍDA MICOLÓXICA.
Sábado día 22 de outubro. Saída de diante do quiosco de Negreira ás 9:30. Consultar máis saídas micolóxicas no blog da Asociación.

CONFERENCIA
Venres 4 de novembro. Julián Alonso: "Propiedades medicinais dos cogomelos".

CONFERENCIA

Xoves 10 de novembro. Jaime Blanco Dios: "Principais cogomelos comestibles e velenosos".

LUNS MICOLÓXICOS:
Luns 17 e 24 de outubro. Asesoramento e identificación de especies aberto ó público. De 20:00 a 21:00 no Local da Asociación, na Casa de Cultura de Negreira.

ACTUALIZACIÓN:
"Aínda que intentamos ser optimistas, a realidade manda, e a realidade é que todo está tan seco que é imposible que para o próximo domingo atopemos algo que expoñer.

Polo tanto ADÍANSE AS DÚAS EXPOSICIÓNS DE SENDEIRIÑA, previstas para o domingo 23 e o luns 24. E adíase tamén a saída do sábado 22.

As novas datas, para as que esperamos poder contar coa axuda das altas instancias metereolóxicas son os días 13 e 14 de novembro co mesmo horario e lugares. A saída para a preparación da exposición será polo tanto o 12 de novembro." Ler máis...

Outono micolóxico en Vilagarcía

Seuimos ca axenda micolóxica deste outono para deixarvos sen excusas para, xa que este outono non parece que vaia a ser moi xeneroso en cogomelos, que a lo menos aprendades algo máis de eles. E unha das millores opcións para os que vos podades achegar son as completas xornadas que organizan os amigos da Agrupación Micolóxica A Cantarela de Vilagarcía.

Sen dúbida eiquí atoparedes a oferta máis variada de actividades micolóxicas do panorama galego, nun extenso menú para tódolos gustos e nivéis e rematado coma sempre na praza da Peixería de Vilagarcía ca Festa dos cogomelos (este ano, na súa XX edición), onde poderedes disfrutar das creacións gastronómicas dos participantes do concurso de cociña micolóxica ó tempo que vos poñedes tibios cos pratos que os amigos de A Cantarela teñen preparados para quecer os corpos, todo isto, por suposto, regadado cuns bos viños para quecer as mentes. En Vilagarcía nada se deixa ó azar, que son moitos anos dando o callo.

Sen máis, ahí vos deixamos o programa (na esquerda premendo na imaxe, ou no texto continuación) para que vaiades dando unha idea de tooodo o que vos teñen preparados os rapaces de Vilagarcía, que nunca é pouco.¡Xente ás leiras!

OUTONO MICOLÓXICO 2011

-Día 9 de octubre
Saida en autobús: Silleda-Forcarei.

- Día 23
Saida en autobús: Baños de Molgas (Ourense).

- Día 5 de novembro
Saida ó campo a coller xogomelos para a exposición.

- Día 6 de novembro
12.00h - Apertura das seguientes exposicións

  • Cogomelos frescos, láminas, paneis, libros
  • XIII Concurso de Fotografía Micolóxica “Enrique Valdés Bermejo”
  • XII Concurso de Debuxo Escolar
  • Maquetas sobre a naturaleza e oc cogomelos.

Conferencias, 20.30h

- Día 7
Puri Lorenzo Castro, do Lab. de Micoloxía da Univ. de Vigo:
Bioloxía de los hongos.

- Día 8
Jaime Blanco Dios, Pres. de la Asoc. Mic. "Brincabois" de Pontevedra, Enx. Agrónomo:
Setas comestibles y tóxicas. Diferenciación.

- Día 9
Ricardo Torrijos Suárez, membro da Ag. Mic. "A Cantarela", cociñeiro da Festa dos Cogomelos:
Cocinando setas.

- Día 10
José M. Castro Marcote, Pres. de la Asoc. Mic. Nat. "Pan de Raposo" de Cee, Coautor do libro "Cogomelos de Galicia":
Ascomicetes

- Día 11
Saúl de la Peña Lastra, Tec. Sup. de Salud Ambiental, Ing. Tec. Forestal:
Setas de campo comercializables.

Polas mañás haberá charlas no Auditorio, os días 7 e 8, para os colexios que o soliciten, a nivel de 6º curso de Primaria.

- Día 19
20,00h. ENTREGA DE PREMIOS:
- Entrega de premios del XIII Concurso de Fotografía “Enrique Valdés Bermejo”
- Entrega de premios del XII Concurso de Debuxo Escolar.
- Entre de premios del III Concurso de Escaparates.
- Entrega de trofeos ós colexios participantes na construcción de maquetas.
- Proxección en powerpoint do Outono Micolóxico 2010 e Salidas de Primavera 2011

22,00h.- Cea Micolóxica e entrega de obsequios ós colaboradores.

- Día 27
XX FESTA DOS COGOMELOS, de 11,00 a 15,30 h.
Serviranse distintas preparacións de cogomelos, acompañadas de viño Albariño.
- XXVIII Concurso de Cociña.
- IX Exposición de Cestas de Outono.

NOTA
- Tódolos luns de novembro e decembro, excepto festivos, haberá un servicio de determinación de setas na sociedade Liceo Casino, de 19,00 a 20,30h.

Ler máis...

As apariencias enganan: Tylopilus felleus

Sinónimo: Boletus felleus
Galego: Madeirudo fel, cogordo margurento
Castelán: Boleto amargo, camaleón

Con motivo dunha máis que posible confusión ocorrida entre uns achegados na que se involucraba este cogomelo, decidimos adicarlle algo de tempo para coñecelo a fondo e evitar incómodas receitas culinarias este verán outono. O caso é que Tylopilus felleus (felleus deriva do termo latín fel, que significa bilis, e fai referencia ó seu delicado e inesquecible sabor), que pasa bastante desapercibido nos manuáis eclipsado polos seus familiares máis apreciados, é un firme candidato a confundirnos á hora de levar á tixola. Ollo, non hai perigo para a saúde ningún, pero ímoslle facer un fraco favor ás nosas papilas gustativas; palabra de neno Xesús.

Asi que, ¿quen non vai querer coñecer este boletal de sinxela confusión e gusto de difícil olvido?
Veña, pasade, pode que hoxe tamén vos descubrades por qué aquel día que esperabades pegarvos unha boa homenaxe micolóxica os boletos sabían misteriosamente a raios e tronos...


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 5-12 cm de diámetro. Ó principio hemisférico, máis tarde convexo e por último estendido. Pardo agrisado máis ou menos escuro. Cutícula moi difícil de separar, aveludada ó envellecer, seca ou moi pouco viscosa. Marxe incurvada, excedente, grosa e sinuosa.

Tubos: Adherentes, longos, branco agrisados ó principio e rosados coa idade pola maduración das esporas (ollo a isto, é unha clave importante para evitar confusións). Poros pequenos, redondos e angulosos na madurez, da mesma cor que os tubos pero volvéndose marróns ó friccionamento ou á presión. A coloración dos tubos, casi impercetible de novo, será de gran axuda na súa identificación. Na imaxe da dereita se aprecia perfectamente esta sutil coloración que non aparece en ningún dos boletos comestibles máis buscados.

Pé: 7-14 x 2-4 cm. Cilíndrico, a miúdo longo, bulboso, abrancazado cara ó ápice e negrexando cara á base. Retículo groso, evidente e de cor marrón que negrexa xoa idade. Cando é xoven, o característico retículo oscuro non o é tanto e podería facilmente pensarse que está algo manchado; esto, unido ó marcado do retículo pode levarnos a pensar nun Boletus reticulatus se non observamos ben outros caracteres como os tubos. Nas imaxes da esquerda e arriba podedes observar este retículo con detalle.

Carne: Espesa, abrancazada e inmutable ó corte. Olor débil e sabor moi amargo. ¿Dixen moi amargo? É realmente incomestible.

Hábitat: En bosques de coníferas e ocasionalmente baixo frondosas. Primavera e outono. En solitario ou gregario. Raro. Os exemplares do artigo foron atopados baixo sobreiras, e na zona do Barbanza soe aparecer a fináis do verán, principios de outono.

Observacións: O xénero tylopilus conta con tan só unha especie en Europa, a aquí descrita. A necesidade de coñecer ben este cogomelo estriba na a facilidade con que se presta a confusións, sobre todo cando novo, con outros exemplares da familia boletaceae pertencentes, sobre todo, á especie Boletus reticulatus (tamén coñecido como Boletus aestivalis). Tamén podería confundirse con algún exemplar de Boletus edulis, a ollos de alguén con poucos coñecementos, pero o evidente retículo e a coloración do sombreiro sempre farán moito máis sinxela a confusión con reticulatus.

¿Cales son as claves para a súa identificación? Pois tan so fai falla fixarse un pouco, pero dúas principalmente como xa vimos na descripción: o escuro retículo ben marcado e as tonalidades rosadas de tubos e poros. Se nos exemplares que vos atopedes atopades estas dúas características, non debería haber fallo. Lembremos que nos boletos que poderiamos confundir con esta especie, os tubos e poros amarelecen ca idade. Iso si, estos dous caracteres son moito menos acentuados cando o cogomelo é novo, e ahí si e moi fácil confundirse. De todas formas, un pequeno anaco da súa carne na boca sacaranos de dúbidas.

Se logo de todo isto, este cogomelo chega igualmente á vosa cociña, no vos preocupedes. Ídesvos dar conta rapidiño. Dificilmente pasaredes do primeiro bocado...

Bueno, e agora... ¿chove este outono ou qué?
Ler máis...

O xogo dos parecidos razoables

Xa que este outono non parece chegar e o verán non parece quererse ir, e que ata o de agora a tempada nos trouxo máis ben poucas alegrías despois dun prometedor arranque, imos ver se sacamos un par de sorrisos a costa dos cogomelos e graciñas a ó humor do debuxante Alberto Montt. Humor fino, fino. Hala, rapaces, a escachar...

Ler máis...

A punto de caramelo as XXVI Xornadas Micolóxicas de Celanova

Xa ferve o micelio na ourensá Celanova anta a inminencia das veteranas xornadas que celebrarán este mes na vila e que non podían faltar á cita cos cogomelos á que acude puntual cada ano.

Este mes, do 24 ó 30 de outubro, a Asociación Micolóxica Cogomelos de Celanova nos trae dentro das súas XXVI xornadas (case nada) un amplo abanico de actividades relacionadas cos noso amigos os fungos e os seus froitos.

Un percorrido polo mundo dos fungos que comezará cunha serie de charlas os días 24, 25, 26 e 27 (na Aula da Cultura de Caixa Galicia en Celanova), pasando pola visita guiada á explotación de cogomelos de Pan do Demo o día 28, para rematar a faena o 29 cunha saída guiada ó monte, exposición de cogomelos e degustación culinaria no restauratnte a Torre (20 € por persoa, ver menú facendo click na imaxe máis abaixo).

Toda a información das charlas, poñentes e horarios que necesitades para ir facendo sitio nas vosas axendas, ó voso alcance premendo na imaxe que podedes ver na dereita.

Non vos queixaredes da oferta micolóxica, tanto por calidade como por variedade, así que limpade cestas, afiade navallas e enlucide as botas. ¡Hai moito que aprender en Celanova! Ler máis...

Video: O ciclo reproductivo dos agaricales

Hoxe toca video, compañeiros micófilos. Un video realmente interesante que nos falará dos agaricales, os cogomelos con lamelas, centrado no seu ciclo reproductivo e salpicado de fantásticas imaxes acompañando as explicacións na forma de texto.

O máis interesante no so é o que conta, que tamén, senon a linguaxe visual que emprega ó contalo. Veredes tomas dun cogomelo esporando (Lentinula edodes, o famoso shiitake, é o protagonista do video), imaxes microscópicas do himenio e os seus elementos, time-lapses das hifas do fungo desenvolvéndose (isto último unha delicia, e moi rara de ver). Un espectáculo visual que paga a pena, ainda que é unha lástima que no tivese un pouco máis de calidade o video. En fin, a video de youtube regalado, non lle mires o dentado.

Todo isto, para aprender algo máis do modo en que os fungos se reproducen e medran e o papel que xogan no proceso os cogomelos. Imprescindible sobre todo se sodes novos nisto dos cogomelos ou queredes coñecer un pouco máis en profundidade a que andan estes bichos.

¡Non volo perdades!

Ler máis...

Xornadas Micolóxicas en Conxo

Este 21 de outubro tedes a oportunidade en Conxo de achegarvos ó seu Centro Sociocultural para introducirvos no esbaradizo mundo dos cogomelos cunha interesante charla iniciática a cargo de José María Costa Lago, da Asociación Micolóxico-Naturalista Pan de Raposo de Cee, que nos levará a coñecer os principais cogomelos comestibles xunto con aqueles que vos poderían levar a incómodas confusións.

Ó día seguinte, poderedes poñer en práctica o aprendido nuha saída guiada polo monte Pedroso, na que se mostrarán sobre o terreo as bases da identificación dos cogomelos máis comúns para, xa pola tardiña, disfrutar da exposición e clasificación do material recolectado. Ideal para os que estades comezando nesto dos cogomelos.

Os horarios e máis información, premendo na imaxe da esquerda.

¿Vémonos alí ou qué? Ler máis...
Related Posts with Thumbnails