A linguaxe química dos fungos


"Olor fúnxico". Esta expresión, repetida ata a saciedade en manuáis e na linguaxe micolóxica fai referencia a ese cheiro un tanto indeterminado e único que asociamos á maioría de cogomelos. Unha deliciosa mistura de aromas a terra, follas, madeira e humidade que nos transportan á espesura das nosas fragas. Ese cheiro, que sempre esperamos cas seguintes chuvias, sobre todo agora que arreou o sol con ganas, será o protagonista do artigo dunha sorprendente maneira.

Hoxe sabemos, gracias ó traballo do equipo de investigación dirixido por Unai Ugalde, profesor da UPV/EHU, que este particular cheiro que a algúns volve tolos, forma parte da linguaxe química dos fungos. O traballo, publicado no número da revista Fungal Biology de maio inclúe entre os seus autores a Aitor Garzia e Shandra Cordobés, da Facultade de Químicas da UPV/EHU, e Erica Herrero-García e Eduardo A. Espeso, do Centro de Investigacións Biolóxicas (CSIC).

Segundo o estudo, e aquí a primeira sorpresa que nos levamos, parece ser que todos os fungos emiten no seu olor unha serie de sustancias que fan desta pegada volátil algo único, unha especie de ADN codificado no seu aroma. Por suposto, existen moitas sustancias comúns á maioría de fungos, coma o 1-octen-3-ol, obxeto do estudo e base aromática do comentado olor fúnxico. As soreprendentes conclusións deste traballo, cuio fungo protagonista foi Aspergilius nidulans, mostran que as súas esporas despiden 1-octen-3-ol, inhibindo xerminación das mesmas cando esta sustancia se acumula no ambiente. ¿Cómo vos quedades? Xa, que non lle vedes o aquel... Imos tentar explicarnos algo millor no seguinte párrafo.

¿Cal é a o propósito deste curioso mecanismo? Pois moi sinxelo. Evitar que as esporas do fungo compitan polos mesmos recursos á hora de xerminar. Eficiencia e auto-control da natalidade. Cando existe unha gran acumulación de esporas nun mesmo punto, a concentración de 1-octen-3-ol aumenta, inhibindo o seu crecemento ata que os elementos, os animáis, ou nos mesmos nas nosas botas, navallas e cestos, as esparexamos polo monte, momento no cal disminúe a concentración deste alcohol debido á dispersión das esporas, permitindo a súa xerminación. O mesmo, en palabras do propio Ugalde:
“Podría decirse que la función de este alcohol es informar sobre la acumulación de esporas en un espacio concreto. En los entornos en los que hay demasiadas esporas la acumulación del volátil impide que compitan entre sí, por lo que mayor es la inconveniencia para germinar. Sin embargo, cuando por razones diversas las esporas se dispersan, el volátil desaparece y las esporas germinan”.
Sen embargo, esta sustancia volátil tamén ten a súa contrapartida, atrae moscas e mosquitos tanto como a nós, cas consecuencias que todos coñecemos: a maior parte das veces, eles son os primeiros en chegar.

Esta solución ó problema da competición polo espacio vital e os recursos fálanos, e moito, do estilo adoptado en toda a evolución destes seres: deseños elegantes e sinxelos para unha máxima eficiencia no resultado. Un dos segredos dos fungos na súa carreira pola supervivencia ó longo de preto de 500 millóns de anos. Agora que está aberta esta nova senda no estudo da bioloxía micolóxica, nos toca esperar que novos "vocablos" da linguaxe química dos fungos esperan a ser descubertos en próximos anos. Coma sempre, estaremos atentos para contárvolo.

Para rematar, imos deixarvos cunha fermosa reflexión do propio profesor Ugalde que nos invita a unha visión moito máis complexa e fascinante do Reino Fungi:

La próxima vez que nos acerquemos al bosque y detectemos el olor a hongos, sabremos que lo que olemos es parte de una conversación de la naturaleza.” Ler máis...

Un cogomelo "sexy": Phallus impudicus

Fotografías: Fernando Quintela (excepto imaxe de corte transversal, obra de Kettelring e extraído da Wikipedia)

Galego: Carallo, carallán, carallo do demo
Castelán: Falo Hediondo


Se hai un cogomelo obxeto de chistes, xogos de palabras e mofas varias de dubidoso bo gusto, de seguro que, ó longo do mundo mundial, Phallus impudicus se leva a palma. De lonxe. Non, xa sabedes que nós somos moi serios e nunca caeriamos na vulgaridade, así que non faremos leña do phallus caído. A "pirola desvergoñada", que sería unha traducción literal do nome científico deste fungo, Phallus impudicus, debe o seu nome a... bueno, non tedes máis que mirar as imaxes, que falan por si soas.

Pero a súa forma non é a única característica que chama a atención neste cogomelo: o seu nauseabundo cheiro fai que moitas veces, ante a súa proximidade, vexamos ós nosos acompañantes de saída mirar pra os pes e preguntarse: ¿alguén pisou merda? Este cheiro característico se debe a unha inxeniosa técnica de dispersión de esporas ó estilo de Clathrus ruber: imitan en certa maneira ás flores, pero cambiando a promesa de doces néctares pola de carne putrefacta para atraer ós insectos.

Pero deixemos de adiantar cousas deste interesante cogomelo para ir ó gran. Todo ó seu tempo. Botemos primeiro unha ollada ás imaxes e descripción que vos temos preparados e mergullémonos de cheo no fascinante mundo dos phallus. Click en "ler máis" abaixo, e adiante, estás na túa casa...


DESCRIPCIÓN

Corpo frutífero: De novo presenta forma de ovo cun cordón miceliar rizomorfo na base e un tamano de 3-6 cm de diámetro. Exoperidio branco e liso. Nun corte lonxitudinal apréciase un peridio mucilaxinoso de cor ocre amarelada, de 3-4 mm de espesor, que rodea unha gleba verdosa, estando na parte central o receptáculo oco e de cor branca. Para ilustrar millor esta descripción, vos adxuntamos as imaxes de dous coll... ovos de Phallus impudicus, ó natural e nun corte transversal cas principáis partes sinaladas para facilitar unha millor comprensión da descripción.

Ó madurar ábrese polo ápice e emerxe un pé branco, oco, longo e cilíndrico, de 10-20 cm de alto e 2-3 cm de ancho e coa superficie cuberta de poros. Na parte superior ten un sombreiro cónico con numerosos alveolos (ver imaxe de abaixo) e un orificio no ápice.

Gleba: Alóxase nos alvéolos, é delicuescente e de cor verde oscura. Olor nauseabundo que atrae as moscas, responsables de esparexar as esporas. Cando desaparece a gleba , todo o cogomelo presenta unha cor branca, como podedes observar na imaxe da esquerda, onde se aprecian os alvéolos ben limpos mentres as últimas moscas en chegar ó banquete dan conta do pouco que queda que chuchar.

Hábitat: Crecen bosques de coníferas e frondosas, piñeirais areosos e chans con abundantes restos leñosos; tamén frecuentes en parques e xardíns. Individuos illados ou en grupos numerosos. Primavera e outono, frecuente en toda Galicia. Aquí, no Barbanza, nos resistimos a calificalo como frecuente. Sí que se pode ver, pero non na abundancia de outras zonas da nosa comunidade. De feito as fotografías que ilustran o artigo nos chegan dende Sigüeiro, onde si é un cogomelo que aparece con relativa facilidade.

Observacións: Aínda que o apetito é o último que este cogomelo abre, non vos sorprendades se vos digo que Phallus impudicus é comestible. Eso si, de novo cando aínda se presenta en forma de ovo e retirando o peridio mucilaxinoso. En Francia e algunhas partes de Alemania se come cru; os alemáns incluso o pican para incorporalo como ingredinte en salchichas. Salchichas de phallus, e valla a redundancia. Algún día lle botaremos peito ó asunto e xa vos contaremos...

I é que o arume que desprende este cogomelo é cousa fina. E así debe ser para maximizar a efectividade na dispersión das súas esporas. O cheiro a carne putrefacra atrae moscas e outros insectos que, en contacto ca gleba, impregnan as súas patas cas esporas do cogomelo que máis tarde axudará a esparexar no seu ir e vir polo monte adiante.

Ademáis do cheiro nauseabundo, Phallus impudicus e especies próximas teñen unha habilidade digna de comentar: son capaces de medrar ata acadar a súa madurez en 6-8 horas, dende que rompe a "casca" do ovo. Para ilustrar esta capacidade de crecemento, imos a mostrarvos un video (á dereita) onde poderemos ver 3 horas de crecemento comprimidas en 17 segundos. Todo un portento de rapidez... ¿Viagra quizáis?

No eido das confusións existe un cogomelo que se pode facer pasar moi doadamente por Phallus impudicus, Phallus hadriani, máis raro de atopar en Galicia, que macroscópicamente apenas se diferencia a non ser pola coloración rosada-violácea dos seus ovos que evita o erro. Moito máis rara, pero non descartable, sería a confusión con Morchella esculenta ou conica, pero só cando a gleba de Phallus impudicus xa desapareceu e os alveolos aparecen limpos como nunha das imaxes deste artigo; neste estado o seteiro pouco experimentado podería chegar a caer no erro... ata que se achegase a cheiralo, claro.

Como vedes un sorprendente cogomelo doado de identificar, que sempre nos avisa co seu nauseabundo berro da sua presencia a varios metros, cheo de curiosidades e moi "fotoxénico". De seguro que non olvidaredes facilmente o seu olor e ideal para facer chistes porcos cando ides cos amigos á procura de cogomelos. Ademáis é comestible (ejem...), ¿qué máis lle podemos pedir a este carallo de seta?

Nos despedimos por hoxe non sen antes emplazarvos aquí para próximas entregas que nos levarán a coñecer nas próximas semanas novos cogomelos, publicacións, e estudos do máis interesantes relacionados co fascinante Reino Fungi. Aquí vos esperamos, coma sempre, refungando cando hai tempo e motivos.

Ler máis...

¡Novo cogomelo dende Colorado!

Fotografía: Dr. Marc Donsky/University of Denver


En 2009, durante unha saída destinada á catalogación da biodiversidade na área natural de Soapstone Pririe, preto de Forth Collins, no estado de Colorado (EE.UU), unha das especies recollidas acabou no herbario dos Xardíns Botánicos de Denver clasificada temporalmente dentro do xénero amanita. Aquel equipo de micólogos estaba composto por Jack Jones, Ed Lubow, Marc Donsky, Nora Jones and Rob Hallock.

Xa no herbario, os científicos que estudaron o material se atoparon cunha sorpresa: as esporas de aquel especímen non coincidían co xénero amanita. É enton cando Vera Evenson, encargada do Sam Mitchel Herbarium of Fungi nos Xardines Botánicos de Denver, e o Dr. Bradley Kropp do Intermountain Herbarium da Universidade Estatal de Utha se poñen mans á obra para identificar aquel curioso cogomelo con aspecto de amanita. Ante as dificultades para encadrar nalgún xénero coñecido a especie atopada, recurren ó Dr. Timothy Baroni, un prestixioso xenetista experto en fungos da Universidade Estatal de Nova York. É él quen acabaría desvelando o misterio ó atopar unha coincidencia xenética cun xénero moi inusual: Smithiomyces.

Ata agora tan só se coñecían dúas especies deste xénero no mundo (Smithiomyces mexicanus e Smythiomyces lanosofarinosus); orixinario de zonas tropicáis, atópase en lugares como México, Brasil e Florida. Agora haberá que sumarlle esta nova especie que será presentada este agosto na reunión da Asociación Micolóxica Americana en Fairbanks, Alaska, co nome de Smithiomyces crocodilinus.

Oitro ajachado que sae á luz froito do bo facer e traballo de campo dun grupo de micólogos. Noraboa ós seus descubridores. Good work!

Por certo, xa que a cousa ven de EE.UU., imos aproveitar para mandar un saúdo a un amigo que nos visita dende alí... Hi Mountain View! Ler máis...

¡Trufas brancas en Sierra Nevada...! ¿Ou non?

ACTUALIZADO: Gracias ós amigos micólogos Cristovo Ruíz Leivas e Xosé María Costa polas súas imaxes de Astraeus hygrometricus (de agora en diante, Tuber serranevadensis) que nos enviaron para ilustrar millor o noso artigo.

Ajarrade os machos (as féminas asíduas á páxina, por favor, apretade o sostén, que veñen curvas). O vídeo que ides a ver hoxe é todo un exemplo do que pode acarrexar subir ó monte con demasiada "alegría" de coñecementos. Trátase dun fragmento do programa Andalucía Directo, de Canal Sur, no que o experto en "trufas" Felipe López Raya, coñecido como o ‘Marqués de la Malafollá’, nos regala con unha clase maxistral de recollida deste manxar no fermoso paraxe andaluz de Serra Nevada. Primeiro o vídeo, logo comentamos a xogada que non ten que envidiar a ningunha das de Messi... Óllo á trufa branca!



¿Alguén veu algo raro? "¿Por qué se llama blanca si no es blanca?", di o sagaz reporteiro, que parece que sí. "¡Esto parece una castaña!" Esperade que me seque un pouquiño as lágrimas, que así non podo seguir escribindo... Ufff, xa. Agora, facede click AQUÍ para botar un ollo ó aspecto dunha trufa branca (Tuber magnatum) de verdade, por dentro e por fora. ¿Listo?

¿Quén non pagaría cincuenta machacantes por comerse un "delicioso" peido de lobo confitado? Claro está o feito de que ata Stevie Wonder se decataría que o que o noso amigo recolecta, cociña e vende, está moi lonxe de asemellarse sequera a unha trufa, e menos branca. O motivo, claro, é que NON é unha trufa. Se trata sen dúbida de dous exemplares inmaduros de algún gasteral, moi probablemente do xénero Astraeus (con bastantes papeletas, un hygrometricus, aínda que habería que velo completamente maduro). A capa exterior, o exoperidio, duro e de aspecto de coiro é típico deste xénero (de ahí o aspecto de castaña). Ó cortalo, deixa ó descuberto o endoperidio, branquecino cando novo, que é a capa interior deste cogomelo que garda as espóras (que cómo podemos ver cando o corta ademáis, xa están bastante maduras). Na didáctica imaxe de Cristovo, quen tamén nos comparte as súas sospeitas de que a "trufa" puidera tratarse de Myriostoma coliforme, arriba á esquerda, vese perfectamente o interior da "trufa" e as distintas capas, así como a masa das esporas. Pola nosa banda, aquí en Refungando, xa falamos deste fungo, botade un ollo.

Para ilustrar todavía máis o asunto, na fermosa imaxe que nos envía o amigo Costa, vemos tres exemplares de Astraeus en tres estadios de desenrolo: pechado á dereita en estado "trufil", maduro no centro e a medio abrir á esquerda.

En fin, amigos, unha proba máis de que hai que ter un extremo coidado en quen depositamos a nosa confianza cando de cogomelos se trata, e de que pulula polo mundo adiante MOITA xente que pensa que sabe de cogomelos e que realmente coñoce o mesmo dos nosos amigos que da física cuántica. Por oitro lado, tirón de orellas novamente ós medios de comunicación pola súa deficiente labor no traballo de documentación á hora de informar á xente nesto da micoloxía porque, amigo reporteiro, se unha trufa branca parece unha castaña, escribir en Google "trufa branca" e botar un ollo non costa un carallo. Anos de periodismo, ¿para isto?

¿Cánta xente despois de ver esta reportaxe non iría correndo a probar esta ambrosía? ¿Quitará o noso amigo ó cociñalo o correoso exoperidio ou haberá que roelo como sola de zapato? ¿Qué tal estará a fina textura da masa esporal na boca ó masticalo? Hmmm...

As respostas a todas estas preguntas, en Serra Nevada, por tan só 50 €. Mamma mía...

P.D.: Gracias a José Manuel Castro Marcote polo chivatazo e as risas, tan necesarias nestes tempos. Ler máis...
Related Posts with Thumbnails