Time Lapse: Pleurotus Djamor

Moitos estades de vacacións así que, que millor que traervos como regalo un de eses videos que tanto gustan como son os time lapse. Do que se trata e de tomar fotografías en intervalos máis ou menos longos sen mover a cámara e logo montalas nun video dando a impresión de que os cogomelos medran ante os nosos ollos. Pero para que gastar liñas e explicacións cando un video vale máis que mil palabras. Hoxe temos con nos un video do crecemente de Pleurotus Djamor, un parente da seta de ostra de supermercado, Pleurotus ostreatus, pero que ten unhas cores rosas vivas (ainda que non se aprecian moi ben nestes exemplares) realmente preciosas e atípicas no Reino Fungui. ¡¡Disrutádeo!!

Ler máis...

Phellinus pini, cancro dos piñeiros


Falábamos ahí atrás dun fungo cuio prato preferido eran os eucaliptos, alabámoslle o gusto, Phellinus torulossus. Nestas liñas imos a coñecer a un familiar próximo (mesmo xénero e familia, a hymenochaetaceae), Phellinus pini, que ten predilección polos piñeiros, especialmente polos máis vellos. A través de feridas na codia da árbore, ou de ramas rotas, as esporas deste fungo infectan con facilidade os desafortunados piñeiros.

Atoparse con él non é difícil se un anda á súa procura, doutra maneira podemos pasar ó seu lado e non darnos nin conta; os seus carpóforos non son moi grandes (coma unha cuarta de man, os maiores), e se confunden bastante ben ca codia dos piñeiros. Só os mais grandes chamarán a nosa atención ó pasar preto, e iso se non medran moi altos. Se os buscamos activamente haberemos estar atentos ó tercio baixo do tronco da árbore, pois é dónde máis comunmente se atopan; a súa forma característica de consola e o contraste da súa figura de perfil contra a superficie lisa do tronco, fainos sinxelos de distinguir, incluso dende lonxe.

Phellinus pini, coma bo parásito, non lle fai ningún favor á árbore anfitriona, cuia madeira descompón dunha peculiar maneira: degrada a lignina (responsable da resistencia mecánica da madeira) e deixa á celulosa case intacta, co cal a productividade madereira se reduce á trituración. Hai que ter en conta que este fungo se desenvolve moi lentamente e, ademáis, necesita formar unha columna de pudrición no tronco importante antes de producir carpóforos, polo que podemos estar ante exemplares en apariencia sans, que están en realidade parasitados.

En resumo: temos un fungo que podemos atopar todo o ano, moi abundante nos piñeirais vellos da costa galega e un modelo para o micólogo metido a fotógrafo casual que nos proporciona fermosas composicións, sobre todo cando o carpóforo está cuberto de liques e musgos... ¿Máis motivos para pasar a coñecer este fungo? Fai click abaixo para ver a descripción completa de Phellinus pini da man de "Cogomelos de Galicia" e Refungando...


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 5-12 cm de diámetro. Unguliforme (forma de unlla) ou en foma de consola, coa superficie en contacto co tronco moi ensanchada. Cor parda escura ou moura, con sucos concéntricos ben delimitados e moitas veces con gretas ou fisuras radiais (que podedes observar millor na imaxe da dereita). Marxe afeltrada e de cor canela.

Himenio: formado por tubos estratificados e de cor parda clara. Poros redondeados ao principio e máis tarde anchos, angulosos e de cor canela (chegan a ter un aspecto labiríntico). Podedes facer click na imaxe da esquerda e observar en detalle o himenio deste cogomelo xa bastante desenrolado.

Pé:
non existe, como tamén se pode apreciar na imaxe.

Carne:
de consistencia suberosa-leñosa, dura, seca e pesada. Cor parda roña. Sabor e olor inapreciables.

Hábitat:
é un cogomelo plurianual que parasita os troncos de vellos piñeiros (non exclusivamente, pois ataca moitos tipos de coníferas), xeralmente maiores de vinte e cinco anos de idade. Na costa galega é frecuente atopalo. Sen ir máis lonxe, se tedes interés en observar estes cogomelos, son moi frecuentes no Parque Natural de Corrubedo, en concreto na zona do Vilar. Se entrades polo acceso do Centro de Interpretación, toda a banda de piñeiros, sobre todo á dereita do acceso, está moi parasitada e non tardaremos en atopar algúns fermosos exemplares.

Observacións: É fácil de identificar polo seu sombreiro zonado, forma de consola é habitat particular, sempre parasitando vellos piñeiros.

Normalmente atoparemos un ou dous carpóforos por piñeiro, pero como vedes na imaxe á esquerda, en casos de infección moi estendida, o piñeiro pode estar ben engalanado de cogomelos, ata máis de dez nun só tronco.

A súa selectiva forma de degradar a madeira levou a algúns intentos para aproveitar industrialmente esta habilidade alá por 1978, isto é, se podemos reproducir o comportamento do fungo na madeira, que deixa a celulosa case intacta, poderíamos evitar o contaminante proceso que se utiliza hoxe en día para separar a lignina da celulosa para facer pasta de papel.

Hoxe en día este fungo constitue un serio problema nas plantacións de piñeiros con fins comerciais, porque a parte de pudrir a madeira, este fungo interfire tamén, nos estadios de infección mási virulentos, na producción de piñas, e non existe unha cura unha vez se produce a infección.

Así é amigos, Phellinus pini: fermoso e perigoso, azote dos piñeiros e perenne habitante da costa galega. ¿Ides marchar do monte sen darlle unha visita?
Ler máis...

Garrulismo micolóxico na prensa... e no monte!

Salía hai uns días unha nova no xornal El Correo, e que da pé ó presente escrito: "Un vizcaíno encuentra una seta gigante en la Rioja". Os que somos un pouco, ou un moito, afeccionados a esto dos cogomelos, sabemos que atopar un exemplar do xénero Boletus de dimensións como o da foto non é tan raro ne extraordinario. O que sí é raro é que este exemplar de Boletus pinophilus de 2,5 kilos, ou calqueira oitro que chegue a ese tamano, se encontre en condicións óptimas de consumo. Pero esta non é a cuestión. Ata ahí, como curiosidade para encher o vacío do verán, pouco prolífico en novas, a cousa non anda mal. Fotiño pousando co "trofeo", catro liñas contando a fazaña e arriando os bois que é xerundio.

O desagradable da noticia, ven máis adiante, cando o xornalista nos conta como ese mesmo día o noso "amigo" baixou do monte con 26 kg de cogomelos máis no maleteiro do coche, feito que máis adiante califica como un "éxito".

Este feito debería avergoñar ó amigo da foto, o primeiro, e segundo, ó xornalista que lle fai de palmero e loa nun medio público por arramblar con semellante cantidade de cogomelos, polo fraco favor que fai a micófilos que son, e ós que han de vir, debido á imaxe distorsionada do que significa sair ó campo e disfrutar dos fungos, que non ten nada que ver con encher os bolsillos con todo o que poidas e vexas e baixar logo á taberna a contar a túa aventura co peito máis hinchado co cú dun babuino. Isto non é micoloxía, nin micofilia, nin nada de nada.

O do xornalista é desculpable: hoxe en día un xornalista é alguén que escribe de moitas cousas das que non sabe absolutamente nada, e así logo lemos as cousas que lemos. O protagonista do artigo xa é outra cousa, un lle presupón certos coñecementos e, desgraciadamente para todos, non é en absoluto un caso illado.

Insisto, isto ó que asistimos non é micoloxía. Isto é garrulismo, isto son euros, isto é fachenda de todo a cen, isto é, en resumo, un compendio do peor e dos peores que aqueles que de verdade amamos e disfrutamos do Reino Fungui temos que sufrir no monte. O que temos aquí non é máis que oitro exemplo, dos moitos que todos coñecemos, de esquilmador sen escrúpulos, que esta vez chega ós medios entre nubes de confeti. Non hai nada loable, nin digno de admiración, no feito de baixar do monte con 30 kg de cogomelos. Facer isto é algo que esta ó alcance de calquer afeccionado, o realmente admirable é NON facelo. Comportamentos deste tipo non son compatibles con un uso e disfrute SOSTIBLE dun recurso AGOTABLE como son os cogomelos. Xente así a queremos... lonxe dos nosos montes.

A continuación vouvos a deixar o enlace á noticia para que, se gustades, deixedes a vosa opinión na páxina de El Correo, ainda que vos adianto que o amigo xa está a levar o seu nos comentarios a esa entrada do xornal, ahí vai:

Enlace El correo

Tamén vos podedes despachar aquí co da fotografía, e deixar os vosos comentarios, refungando, claro. Nunca hai que deixar de denunciar este tipo de comportamentos e novas xornalísticas que ó final non benefician a ninguén.

Seguide atentos a Refungando, e lembrade encher a cesta só co que vaiamos a consumir! Ler máis...

Un cogomelo chino, responsable de preto de 400 mortes

O Reino Fungui nos lembra, unha vez máis, que o terreo que pisamos á hora de consumir cogomelos é perigoso e todavía descoñecido. O artigo aparecido este mes na revista Science, nos descobre este cogomelo da esquerda, que nin sequera ten un "nome popular" na maioría das aldeas e que se coñece a falta de millor nome como "a pequena branca", como responsable dende 1978 do que ata agora se viña coñecendo como Síndrome de Morte Súbita de Yunnan. Este síndrome, que se cebaba nos aldeanos da provincia China de Yunnan, no suroeste chino, provoca a morte súbita por parada cardiaca e non ten preferencias por sexo ou idades á hora de atacar; a maior parte dos casos se daban maiormente na temporada dos monzóns (de xunio a agosto), e a unha altura de 1800-2400 metros.

Despois de cinco anos de investigacións na zona, o equipo liderado polo Centro Chino para o Control e Prevención de Enfermidades de Beijing parece haber dado definitivamente co culpable. Ainda que evidentemente non se poden achacar tódalas mortes a este cogomelo, os participantes neste estudo identificaron e aillaron tres aminoácidos tóxicos (ainda que non extremadamente), un deles novo para a ciencia, e que testearán para comprobar a súa capacidade para actuar coma detonantes dos ataques cardíacos.

O noso cogomelo parece tamén ser un descoñecido para a micoloxía; o taxonomista Yang Zhuliang identificou ó cogomelo como pertencente ó xénero Trogia, que ata agora se consideraba que non incluía especies tóxicas, pero non puideron clasificalo en ningunha especie. Teremos que esperar novos estudos taxonómicos para coñecer finalmente o seu nome e posición dentro da clasificación do Reino Fungui.

O carallo do asunto é que esta pobre xente de Yunnan vende para a súa comercialización todo tipo de cogomelos comestibles que se dan nas súas fragas, e logo, para o caldeiro, vai todo o que queda. Se unimos necesidade e descoñecemento, o resultado é inevitable. Se non fose este, outro cogomelo sería o reponsable; de feito, os investigadores non descartan a participación dalgun fungo máis nas mortes, ou incluso a alta concentración de bario nas augas da zona como "cómplices" do fungo estudado.

Sexa como sexa, sirva esta nova como aviso a navegantes moi ousados á hora de meter cogomelos no cesto sen moita reflexión, que habelos hailos... máis que meigas! Ler máis...
Related Posts with Thumbnails