Exhibición fúnxica de cores: Trametes Versicolor

Sinónimo: Coriolus versicolor
Galego: Poliporo versicolor
Castelán: Yesquero multicolor

A xa imparable subida das temperaturas das últimas semanas vainos traer en breve, sobre todo se a cousa segue así de húmida, unha gran cantidade de visitantes primaverais. En Riveira xa apareceron hai tempo as "sendeiriñas", Marasmius oreades, que agora estoupan nos seus corros de bruxas; de Pontevedra nos chegan novas da pronta aparición de Calocybe Gambosa, seta de San Jorge (abaixo, en 3D), cantharellus, algún agaricus... e o que nos queda de aquí en diante. É un momento para disfrutar da natureza e atoparse con algunha exuberante sorpresa como as das imaxes que abren este artigo. Non, non é que no fose capaz de decidir que foto poñer na cabeceira, o que ocorre é que Trametes versicolor, como o seu nome indica sen disimular, pode vestirse de moi diferentes cores e tons para decorar coas súas colonias tocóns de árbores coma se fosen un vestido de folclórica, formando así fermosas estampas. E como estamos na estación das cores... ¿Qué millor que dedicarlle un artigo a este lignícola cogomelo que, ademáis, ten interesantísimas propiedades mediciñais?

Pois nada, ahí vai, imos dedicarlle unhas liñas a todo un clásico no Reino Fungui. Sen medo, que non morde, podedes facer click abaixo en Leer máis para ver o artigo completo...


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 2-8 cm de lonxitude por 2-5 cm de proxección e 1-3 mm de espesor. Forma de abano, semicircular ou en forma de ril, plano e moi delgado. Adornado de bandas concéntricas estreitas de diversas cores, alternando pardas, verdes e grises. Sobre estas tres cores e moitas tonalidades próximas se fai o mosaico de Trametes versicolor, influindo a idade e a humidade do ambiente nos tons presentes. Se nos fixamos arriba, a primeira imaxe nos presenta coloración cinsentas, grises, case na súa totalidade; na segunda ós grises-negros se une preto do borde un ocre amarelado, cos cogomelos xa algo secos; por último, uns trametes xa vellos amosan principalmente tons ocre alaranxados e algunhas zonas verdes, debidas á presencia de algas no sombreiro, algo típico nesta especie, sobre todo cando son maiores. Na imaxe da dereita, podedes ver de preto o aspecto e cores que mostran as bandas dun destes cogomelos.

Himenio: Formado por tubos curtos de cor branca ou crema (máis crema coa idade). Poros pequenos, redondeados e algo angulosos, da mesma cor pero con reflexos agrisados. Na imaxe da esquerda podede ampliar facendo click e ver un detalle da trama de poros do himenio de Trametes versicolor.

Pé: Non ten. Ben se ve, tamén novamente na imaxe, como a inserción do sombreiro pola base carece deste aspecto.

Carne: Delgada, suberosa (de consistencia parecida á casca), tenaz e coriácea cando envellece. De cor abrancazada ou crema. Olor e sabor suaves pero agradables.

Hábitat: Lignícola (comedor de madeira). Crece sobre madeira morta de frondosas. Acostuman a sair exemplares illados ou en grandes grupos cos sombreiros imbricados (entrelazados e superpostos en niveis, caso das imaxes de arriba). Podemos atopar esta especie todo o ano. Moi frecuente.

Observacións: Este Trametes é un cogomelo abundante e amplamente distribuido, que en Asia ten dende antigo un importante papel na mediciña tradicional. A primeira referencia ó uso deste cogomelo ven da man, como non, dos chineses, e data da dinastía Ming (s. XIV ó XVII). A súa ampla distribución o fai ademáis pusuidor de moitos nomes nas distintas culturas: na China Yun zhi; en Xapón Kawaratake; en México Cola de Guajalote e Pechuga de Aile, nos países de fala inglesa, Turkey Tail (cola de pavo).

Xa en 1965, os ensaios dun equipo xaponés nun paciente con cancro de estómago, dan bos resultados no tratamento ó administrarlle ó enfermo Saru-no-koshikake, un té que contiña o cogomelo. Estos resultados abren a porta a futuras investigacións con este cogomelo. Para situarnos na actualidade botamos un ollo ó libro Cogomelos Medicinais, de Alexandre Mínguez: deste cogomelo se aillou un polisacárido, o Krestin ou PSK, de acción hepatoprotectora e efecto potenciador do sistema inmunitario (é unha especie de sustancia doping para tódolos nosos glóbulos brancos!). Se emprega na loita contra a inmunodeficiencia provocada por virus Tipo I e axuda a atrasar a formación de tumores. Tamen se emprega en casos de fibromialxia e fatiga crónica. Esta sustancia considérase agora mesmo coma un importante candidato para a "quimioprevención", debido ós poucos efectos colaterais da administración por vía oral desta medicamento. Últimamente seguen aparecendo usos e aplicacións dos derivados deste cogomelo, que según parece, podería ser tamén efectivo contra a malaria.

Respecto ás confusións, ainda que non é de ningún interés culinario, o cal evita de entrada problemas derivados de intoxicacións indesexadas, non está de mais coñecer algunha posible confusión. Existe un familiar moi parecido, do xénero trametes tamén, que é Trametes multicolor. Se nos fixamos é doado de distinguir pois mentres que Trametes versicolor alterna no deseño do seu sombreiro bandas afeltradas con outras lisas, en Trametes multicolor non ten zonas satinadas; ademáis, a inserción do sombreiro no sustrato de madeira é máis ancho, co que con un pouco de ollo poderemos evitala.

Bueno, hasta aquí chegamos hoxe; xa sabedes que para calquera dúbida ou consulta, tedes os comentarios nos posts e o correo da asociación. Un saúdo a todos os amigos que nos seguides surfeando ma rede. Nunca deixedes de refungar!
Ler máis...

Calocybe Gambosa en 3D!

Fai pouco nos faciamos eco do interesantísmo proxecto de cogomelos en 3D (tranquilos, non fan falta gafas especiais) que dende a páxina da Funguipedia botaban a andar. Hygrophorus Marzuolos era o primeiro prototipo de cogomelo virtual accesible a través da propia páxina dos seus creadores. O resultado xa o poidestedes comprobar. Agora, ca chegada da primavera aparece tamén un dos cogomleos máis apreciados do Reino Fungi, Calocybe Gambosa (tamén coñecido coma Tricholoma georgii), o apreciadísimo polos vascos perretxico (máis dunha vez os ten empleado o amigo Arguiñano nos seus suculentos platos, ¡ollo ó seu programa nestas datas!), seta de San Jorge, mucerón, moixernó... Moitos nomes ó longo da xeografía ibérica para un cogomelo que gusta a todos.

Así que os compañeiros de Funguipedia se puxeron mans á obra e pariron o segundo cogomelo virtual dacordo ós tempos que corren, ou sexa, a primavera. Calocybe gambosa é un clásico.

Igual que co anterior cogomelo 3D vos animamos a que botedes un ollo e fuchiquedes un pouco co cogomelo, é unha forma novedosa e moi didáctica de facerse unha boa idea do aspecto dun exemplar. Só lle falta cheirar. Facede click AQUÍ ou na imaxe para acceder ó modelo 3D na páxina orixinal.

Calocybe gambosa non é un cogomelo moi común, así que si o esperades atopar na zona do Barbanza sur, xa vos adianto que non vai a estar a cousa sinxela. Pola nosa zona non o atopamos nunca, ainda que seguro que algún exemplar está a esperarnos.

Se o atopamos, estade seguros de que o veredes aquí en Refungando! Ler máis...

Sacade as botas! Xa chegou a primavera!


"Podrán cortar todas las flores, pero no podrán detener la primavera". (Pablo Neruda)

A versión galega desta coñecida frase de Neruda sería algo coma isto: "Poderán prantar eucaliptos e queimar tódalas flores, pero, que carallo, non poderán deter a primavera". Gran verdade. Dito e feito; refungadas aparte... Xa está aquí a primavera, o primeiro verdor, as flores, o sol, os bichos, as alerxias... os cogomelos! Despois dun inverno frío coma poucos nos últimos anos, parece que por fin toca subir dunha vez por todas a temperatura un chisco e disfrutar dun dos momentos do ano donde a natureza se nos ofrece en toda a súa beleza e plenitude. Mires para donde mires, pinceladas de mil cores sobre lenzos verdes enchen os ollos. Campos tinguidos de amarelo por todas partes nos anuncian a era do reinado do chuchamel (Oxalis pes-caprae).

Si, amigos, que carallo, xa é primavera, e botábamola de menos. E como nós, se hai un cogomelo puntual á súa cita con esta estación, é Marasmius Oreades. Esa delicia fúnxica, sen dúbida un dos millores cogomelos comestibles, apareceu xa pola bisbarra unha semana antes da chegada da estación; chegou para colle-lo sitio en primeira fila para asistir a este espectáculo que é a chegada da primavera e na imaxe desta entrada o podedes ver medrando ben acompañado das fermosas flores que cubren como unha alfombra o litoral galego. E non son os únicos se abrides ben os ollos! Próximamente iremos vendo o que nos atopamos no monte de mans de Refungando.

Así que... ¿Ides quedar na casa a papar moscas en vez de perdervos no monte entre cogomelos? Alá vos... Ler máis...

Mico-Diesel da man de Gliocladium roseum

As dúas imaxes da esquerda corresponden con un cultivo de Gliocadium Rosaceum e unha imaxe vista ó microscopio electrónico coloreada, repectivamente, deste fungo endofito. Fai non moito falabamos de pasada dos endofitos (ver AQUÍ), hoxe imos coñecer unha aplicación real das propiedades dun destes fungos que viven "dentro" (si, si, dentro) das prantas.

Gliocadium Rosaceum
foi descuberto polo microbiólogo norteamericano da Universidade de Montana Gary Strobel nunha das súas expedicións na busca de novos fungos polo mundo adiante. Co seu inseparable gorro ó "Custeau" e que lle serve o mesmo para cubrirse do sol que para recoller as mostras vexetais das que máis tarde extraerán os endofitos presentes, mr. Strobel ten ás súas espaldas varios importantes descobrementos, non por nada a afamada revista Forbes se refería nun artigo acertadamente a él coma o "Indianas Jones of fungus hunters" (o Indiana Jones dos cazadores de fungos). O presente hachado de Indiana Strobel produciuse na Patagonia, asociado a unha árbore típica chamada ulmo (Eucryphia cordifolia), e a nova saltou ós medios alá en 2008. Hoxe, un documental nos trae de novo o acontecemento á actualidade.

A cousa é que este fungo é capaz de metabolizar unha serie de hidrocarburos presentes no combustible diesel directamente a partir de celulosa, o que abre a porta para unha futura producción industrial de biocombustible (mico-diesel, como da en chamar o investigador). A cousa está todavía en pañais, quedan por facer moitas investigacións sobre rendemento e milloras de cara á producción industrial, pero o noso amigo Gary xa ten patentada a cousa por si acaso; aquí o que non corre...

O millor é que él mesmo nos conte algunhas cousas deste fungo, como poderedes ver no seguinte video, fragmento do recomendable documental "Maravillas Modernas: Hongos" e que trata precisamente da obtención de biocombustibles a partir dalgunhas especies de fungos. Adiante mr. Strobel, refungue vostede...


Ler máis...

Cordyceps militaris... ¡O terror das eirugas!

Confeso que teño debilidade polo fungo que hoxe traemos con nós. Cordyceps militaris no só produce fermosos cogomelos como podedes ver, senón que ademáis, como moitos irmáns de xenero, é un implacable asasino selectivo. Pero vaiamos por partes, que diría Jack o Destripador.
Para os que non coñezades nada do xénero Cordyceps, vos recomendo o video que colgamos nesta páxina hai un tempo e que podedes ver pinchando AQUÍ. Os demáis, xa deberiades saber como as gastan estes fillos da gran hifa.

O xénero Cordyceps engloba preto de 400 fungos parásitos maiormente de insectos (son, polo tanto, entomopatóxenos), ainda que tamén poden parasitar en moita menor medida oitros fungos.

A historia comeza cando as esporas destes ascomicetos suspendidas no aire entran en contacto e infectan o anfitrión (soen ser moi selectivos, cada especie de Cordyceps se especializa nunha especie determinada de insecto/fungo); máis tarde, nas condicións adecuadas, comezan a desenvolverse as hifas e a medrar o micelio que acaba alimentándose do corpo do desafortunado insecto, chuchándoo dende dentro e deixando tan só unha cáscara valeira da que brotan con fantasmais formas as incribles e variadas fructificacións destes fungos.
Así que... ¿qué hai baixo ese estrano cogomelo alaranxado que medra acochado entre os picaños dos piñeiros? Pois unha eiruga, ni máis nin menos; en concreto unha eiruga da "procesionaria dos piñeiros" (Thaumetopoea pityocampa), esa interminable praga dos nosos montes. Aínda millor dito: o que hay baixo terra é a crisálida da bolboreta; a eiruga xa levaba as esporas do fungo asasino pegadas ás velosidades do seu corpo cando se soterrou para mudar sen saber que xa estaba condeada.
Nota: Cabe lembrar que, falando das velosidades desta eiruga, estas producen fortes reacción alérxicas nas persoas e nos animais (nos cans sobre todo, pola súa afeción a cheirar e morder cousas). Incluso os urticantes peliños de exemplares mortos no chan, ou levandos polo aire, nos poden afectar e provocarnos unha mala pasada. Todo isto aparte do dano que fan ós piñeiros, xa que se alimentas dos picaños durante todo o inverno felices nos seus niños de seda, ata que chegando a primavera baixan dos piñeiros para soterrarse e mudar en bolboreta para o verán.
Cordyceps militaris nos proporciona unha poderosa arma natural para acabar con esta praga. De feito xa é empleado desta forma, limitado o seu uso pola dificultade de obter o fungo. Imos xa botar un ollo á descripción detaiada dun fungo cheo de sorpresas. Pincha abaixo en leer máis para adentrarte no mundo deste compañeiro fatal da procesionaria!!


DESCRIPCIÓN

Corpo fructífero: 1-4 cm de alto por 4-5 mm de espesor (fixádevos que é realmente pequeno!). Formado por unh cabeza fértil en forma de estaca esmagada e un pé estéril. Cabeza de cor vermella alaranxada viva que cando madura está cuberta de grosas granulacións debido ós ostiolos prominentes (os furados polos que asoman esas granulacións son os ostiolos; as granulacións que asoman máis escuras e de forma ovoide, aínda que só vemos a parte que asoma, son os peritecios, que conteñen as ascas onde se formarán as esporas) . Pé ben delimitado, cilíndrico, con finas verrugas de cor amarela laranxa, máis pálido que a cabeza.

Carne: De consistencia fráxil. Sen olor nin sabor apreciables.

Hábitat: É unha especie parasita de crisálidas de bolboretas, sobre todo da "procesionaria do piñeiro", polo que acostuma a atoparse en piñeirais. Inverno e primavera. Difícil de ver polo seu tamano, raro en Galicia pero bastante sinxelo de atopar pola nosa zona se nos fixamos un pouco. Abundante por fortuna na zona do Vilar. Na imaxe da esquerda podedes ver o máis parecido a un "corte transversal" que puidemos conseguir. Como podedes ver, a pupa da eiruga está xusto baixo a capa de terra e o pé está na súa maior parte baixo ela. Na seguinte imaxe podedes ver varias crisálidas desenterradas e apreciar millor a lonxitude das fructificacións de Cordyceps militaris.

Observacións: O nome do xénero, "Cordyceps" significa en latín cabeza de bastón e o de "militaris", referencia atopada nunha páxina que xa nin recordo, parece que ten que ver co parecido das súas frutificacións de cor laranxa vivo cos adornos dos uniformes de gala dos militares; en fin, o conto está ben ainda que on sexa certo.

Falando de posibles confusións, non deberían existir debido ó seu hábitat particular e cor. Cando parasita eirugas, pode confundirse con Cordyceps gracilis, de cabeza máis redondeada e cor parda amarelada. Ás veces aparece sobre crisálidas de bolboretas unha forma conidióxena (asexual) e abrancazada (Isaria farinosa) semellante a unha ramaria e que algúns autores asocian con Cordyceps militaris.


Como todo ser vivo na natureza, os fungos deste xénero cumpren unha labor e ocupan un posto no plan universal da natureza, neste caso, e como puidestedes observar tamén no video, o control poboacional. Se algúnha poboación das especies afectadas por este fungo experimentara pola causa que fora (medio ambiental, exceso de alimento, desaparición de depredadores naturais,...) un rápido crecemento no tempo, o fungo competente se encargaría inmediatamente de volver equilibrar a balanza, xa que cantos máis especímenes infectados anden pululando pola fraga, maior será a dispersión das esporas/infección e máis sufrirá esa poboación os seus efectos.

Existen tamén aplicacións médicas deste xénero de fungos, capaces de producir biomoléculas de intersantísimas propiedades biolóxicas. A sustancia chamada cordicepina, extraida de varias especies do xénero, entre elas Cordyceps militaris, era coñecida xa dende os anos 50 pero que agora se está a poñer de moda como prometedor fármaco na loita contra o cancro pola súa habilidade en baixas dosis para impedir a replicación das células canceríxenas e, en altas dosis, para impedir a súa asociación. Os resultados deste estudio sairon á luz a finais do ano 2009 da man dun grupo de investigadores da Universidade de Nottingham.

Por último, como curiosidade, deixarémosvos por aquí un enlace a unha páxina web con varias fotografías de distintas especies de Cordyceps, para que vos fagades unha idea da variabilidade e riqueza de formas e cores destes implacables controladores de pragas:

http://www.utexas.edu/courses/zoo384l/sirena/species/fungi/

Esperamos que vos gustara este artigo, podedes estar seguros que non vai ser a última vez que oiades falar por aquí dos Cordyceps e as súas peculiaridades.

Un saúdo a todos, e non vos olvidedes de refungar tódolos días polo menos media hora, que aumenta a espectativa de vida nun tropecentos por cen!
Ler máis...

Coma demonios: Cantharellus Tubaeformis

Sinónimo: Cantharellus infundibuliformis
Galego: Trompeta con pregamentos
Castelán: Rebozuelo atrompetado


Este inverno micolóxico garda ata última hora sorpresas como a que vos traemos aquí a Refungando. O excepcional do cogomelo protagonista de hoxe non é nin a súa rareza, nin a súa peligrosidade; de feito é un cogomelo comestible bastante común e coñecido, que xa puidemos ver de pasada cando falamos de Cantharellus lutescens (Cantharellus aurora, que lle chaman agora ). O que nos chamou a atención destes exemplares foi o tamano esaxerado dos especímenes: eran jrandes coma un demonio, que diría miña abuela.

Na imaxe podedes ver as medidas destes cogomelos e facervos unha idea do seu tamano, xa que a área fotografada comprende exactamente un folio en A4. Cando os divisamos entre o manto de follas, pensamos que eran un grupo ben fresquiño de tubaeformis arracimados e alá fomos cámara en man; só despois de sacar unhas foto e tentar arrancar un cogomelo e fotografalo para esta reportaxe, que nos demos conta do mostrenco que tiñamos entre mans. Unha "mico-ollada" de 360º (seguro que sabedes de que vos falo) nos fixo decatarnos que estabamos rodeados, algúns ben tapados polas abundantes follas, polo grupo de Cantharellus tubaeformis máis grandes que nos botaramos á cara nunca. I eso que pola zona se dan ben, e ben grandes. O dito, coma demonios.

Imos entón botar unha ollada á descripción deste coñecido cogomelo da familia Cantharellaceae...

DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 2-6 cm de diámetro. Primeiro convexo e por último en forma de embudo, delgado, flexible, quebradizo e co centro perforado por un burato que cu¡omunica co oco do pé. Presenta varios matices de pardo, do amarelado ó mouro. Cutícula lisa ou algo escamuda na madurez. Marxe encurvada, fina e xeralmente ondulada. Todo o que vedes na imaxe da dereita corresponde a un único sombreiro dun exemplar. Dádevos conta do tamano polas follas de carballo!

Himenio: formado por pregamentos decorrentes moi marcados, espazados, anchos, interconectados transversalmente por pequenas nervaduras. Presentan unha coloración variable, da amarela á gris con reflexos purpúreos.

Pé: 5-9 x 0,3-1 cm. Tubular, ás veces comprimido, liso, brillante, bastante longo con relación ó sombreiro, delgado, amarelado, amarelo apardazado e ás veces agrisado. Neste caso, algúns dos cogomelos medraban co pé case horizontal ó chan ó non poder soportar ben o peso do compacto sombreiro, por eso se aprecian nas imaxes os pés algo retortos.

Carne: Delgada, escasa, flexible e lixeiramente tenaz. Abrancazada e no pé amarelada. Olor pouco apreciable, quizais algo fúnxico, sabor doce, pero tamén pouco apreciable.

Hábitat: En solos ricos en humus, de bosques de frondosas e de coníferas. Verán e inverno. Xeralmente en grupos numerosos, aínda que ás veces se ven exemplares solitarios en sitios non tan secos e frescos. Moi común en todo o Barbanza xunto co primo irmán Cantharellus lutescens. Estes exemplares estaban en concreto nun bosque de carballos e oitras frondosas, nun lugar bastante humido case que todo o ano. Está claro que o frío non afectou moito ó desenvolvemento destes especímenes.

Observacións: Bo comestible, quizais o peor dos do xénero pola súa escasa carne (non aplicable, asegúrovolo, ós exemplares da imaxe, pesados e compactos) e o seu pé fibroso. Como oitros do xénero, é fácil de deshidratar e se presta moi ben a elo polo fino da súa carne.
Poderiamos confundilo con certa facilidade con Cantharellus lutescens, de similar tamano pero máis fráxil e menos robusto, ten o himenio practicamente liso, de cor máis clara e pé máis delgado e fráxil. Ambos cogomelos teñen un tamano similar, ainda que de media Cantharellus tubaeformis tende a ser un chisco máis alto e grande. De todas formas, atopar cogomelos deste tamano non é frecuente nin moito menos. ¿Atopástedes por ahí Cantharellus tubaeformis destes tamnos? ¿Máis grandes? ¡Enviade as vosas imaxes ou comentade a xogada nesta entrada!

Xá sabede por onde andamos sempre... refungando, of course.
Ler máis...

Todoterreo dos montes: Schizophyllum commune


O especimen da fotografía de arriba, medrando nun tocón de piñeiro, pertence a unha das especies máis extendidas por todo o globo; tan só deixamos de atopalo na Antártida, onde é incapaz de atopar o sustrato de madeira que lle serve de alimento a este saprófito e lignícola vagabundo. De Schizophyllum commune sabemos da amplitude da súa dispersión gracias ó traballo de John Raper e oitros colegas da Universidade de Harvard, que entre 1950 e 1970 recopilaron especímenes ó longo e ancho do mundo para a súa investigación.
De posición taxonómica incerta, debido ás súas especiais características, a maioría de investigadores o incluen na súa propia orde, os Schizophyllales, e pertencente á familia Schizophyllaceae.

Sí, é un pouco raro este amigo noso. De feito, é un cogomelo que pode chegar a complicarnos a vida, pois en certas condicións pode chegar a producir algunha micose, noutras palabras, unha infección no organismo producida por este fungo. Ademáis e por se fora pouco, estamos ante un fungo moi "sexual", tanto como que ten máis de 28.000 sexos distintos. ¿Queres saber máis cousas de este peludo cogomelo? Imos entón a afondar na súa descripción macroscópica sempre da man de "Cogomelos de Galicia", comentado e ampliado dende Refungando para vos...


DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 1-3 cm de ancho. Forma de concha ou abano fixado lateralmente ó substrato. Cutícula tomentosa cunha velosidade ourizada de cor abrancazada e a miúdo zonada (na imaxe da esquerda podedes apreciar ben en detalle esta curiosa característica). De cor branca en tempo seco e agrisada coa humidade, ás veces con tonalidades verdes debido á proliferación de algas sobre o seu sombreiro. Marxe fina e moi lobulada.


Himenio: Formado por lamelas bifurcadas ou bífidas, dispostas radialmente e con lamélulas. Cor rosada (ou castaño claro). O formato de lamelas bífidas ten a súa razón de ser. O micelio de Schizophyllum commune necesita normalmente de só unha fructificación de cogomelos por tempada, xa que estes se poden secar e rehidratar varias veces e subsistir no monte ata preto dun ano completo. A estructura das lamelas fai que en tempo seco se "pechen" e ca volta da humidade se "abran" e se expanda o cogomelo, de xeito moi parecido a un abano. Unha gran adaptación a climas con chuvias esporádicas. De feito, en refungando deixamos pasar uns días e volvemos á escea do crime para observar a evolución do noso amigo. Como escolleramos un tocón de pino con unha pintada azul, foi moi fácil volver e fotografar o mesmo cogomelo... case 20 días despois, co resultado que podedes observar na imaxe da esquerda.

Pé: Non existe, o sombreiro medra directamente do substrato.

Carne: Delgada e coriácea. Sen olor nin sabor apreciables.

Hábitat: É unha especie saprófita e lignícola que crece sobre madeira morta e restos vexetais de frondosas e coníferas, en sitios ben iluminados. En grandes grupos. Podemos atopala todo o ano, sempre que as condicións sexan as adecuadas (sí, incluso nos invernos máis duros como este que nos tocou). Frecuente.

Observacións: Olvidádevos de saborosas pitanzas, aquí non hay chicha. O que vos pode ofrecer este cogomelo é a súa singular beleza e algunha rarísima (pero habelas, hainas) micose. É moi raro que se produza unha infección deste tipo, así que agora non vaiades a baixar correndo do monte como alma que leva o demo cada vez que vos atopedes con un exemplar destes. A xente máis propensa a este tipo de infeccións é sempre xente co sistema inmune a medio gas, nenos especialmente, así que un adulto normal non debería correr ningún perigo. De feito, nun dos casos de infección atribuída a este fungo tiña como protagonista a un neno; o fungo estaba a medrar no ceo do padal do rapaz... e comenzaban a sairlle cogomelos nos seos nasais!
Noutro caso reportado por investigadores da Universidade de Kioto, o paciente sufriu dunha infección na mucosa dos bronquios que lle provocou ataques de asma e tos persistente; a causa: hifas de micelio primario de Schizophyllum commune. E para rematar a faena, este fungo foi capaz incluso de infectar e provocar unha osteomelite micótica nun can. En definitiva, que de saprófito e lignícola, este fungo pode pasar perfectamente a parásito e... carnívoro, aumentando as súas posibilidades de distribución e facendo deste un fungo realmente versátil e todoterreo.

Non é a nosa intención asustarvos, ainda que seguro que si coñeciades este cogomelo non o ides mirar da misma maneira nunca máis. O seu aspecto e as súas lamelas o fan inconfundible, é fácil atopalo e tamén se da no inverno e, como podedes ver, tamén nos pode regalar fermosas fotografías e incluso algunha rara micose para engadir ás batalliñas para contarlle ós netos. ¿Alguén da máis? Disfrutade de Schizophyllum commune e vémonos... refungando entre os piñeiros.
Ler máis...

Freazo en seco á regulación da recolleita de cogomelos en Galicia

Quedamos sen carné. Onte, día 1 de Marzo, a Consellería de Medio Rural daba a coñecer a súa intención de non cobrar pola recolección de cogomelos na nosa comunidade nin crear un carnét/licencia de recolector. De feito, é máis, non van a facer NADA.

Amparándose na distribución da propiedade do monte os nosos gobernantes xa teñen a excusa perfecta para facer o que millor saben: nada, ou "rascar os juevos" como lle dín en moitas partes de Galicia. O feito de que a propiedade dos montes recaia en mais dun 90% en mans privadas é o motivo da inacción do goberno ante o crecente problema da sobreexplotación micolóxica; como a maior parte dos terreos son privados e non podemos cobrar pola recolección de cogomelos, pois, coma Pilatos ou Aznar en Irak, lavamos as mans e a tirar millas. Hoxe, amigos, é un día perfecto para refungar.

Citando a nota de prensa (que podedes ler AQUÍ) , o borrador da nova lei de Montes "terá en conta que os cogomelos son un recurso forestal de certa importancia en determinadas zonas de Galicia". Ou sexa, traducido, terá en conta que en algunhas zonas da nosa comunidade se leva comercializando cos cogomelos un tempo e eso da cartos. Fantástico miolos privilexiados da Xunta. Estamos salvados... A importancia económica da explotación dos fungos e a menos importante das cousas que os fungos nos ofrecen. O papel fundamental que estes xogan no crecemento e desenvolvemento dos nosos bosques, fragas, soutos, etc. é o primordial cando falamos da conservación e protección do patrimonio fúnxico. Os fungos son unha peza fundamental no desenrolo e creación de sólo fertil, son os responsables da "limpeza" dos nosos montes, compañeiros inseparables das nosas árbores ás que protexen e axudan a medran máis e máis fortes.

¿Non se pode facer nada entón? Para comezar, asín sen forzar moito a maquinaria gris, protexer ese dez por cento de terreo público, ¿ou non, señores da Xunta? Na escola eu apredín que un 10% de algo e moito máis que un 0%. Non é preciso facer derivadas nin nada diso. Doutra banda, me pregunto: ¿non podemos facer que pouco a pouco ese 10% se convirta nun 15% ou nun 20%?¿É imposible a elaboración dunha lista vermella de especies en perigo, como fixo, por exemplo a Junta de Andalucía (ver AQUÍ) para protexer o noso patrimonio micolóxico?¿De verdad non se pode?¿Non hai NADA que facer señores?

Que rabia tan grande nos come, dios que vos fixo palanquíns... Agora á recolleita indiscriminada e abusiva por parte de particulares ignorantes e avariciosos, ós que de fora veñen a arrasar os nosos montes para levarse os cogomelos e deixalos esquilmados, temos que sumar a tan galega e históricamente tráxica para o noso pobo total inoperancia e incompetencia dos gobernantes que nos tocan, dos nosos políticos (un fato alarmante de ignorantes no que a cada un deles lle toca), á hora de adiantarse ós acontecementes para logo actuar coma sempre a toro pasado, mal, tarde e a rastras.

Vamos a propoñerlles un cambio na frase que antes citabamos da nota de prensa; donde dí "terá en conta que os cogomelos son un recurso forestal de certa importancia en determinadas zonas de Galicia" debería dicir "terá en conta que a riqueza fúnxica galega é un pilar básico de vital importancia para os montes de TODA Galicia". Que a riqueza non se mide só en cartos.

Oitra vez, todos xuntos que nos oian refungando: ¡Dios que vos fixo! Ler máis...
Related Posts with Thumbnails