O humor fúnxico de Davila:Tropezóns...

Sen palabras. Mira que o vin veces, pero cada vez que miro para o prato, me entra a risa frouxa.
Fantástico o amigo Davila, unha vez máis... Ler máis...

Amanita phalloides en ·3D

Amanita phalloides... unha vez máis. Xa levavan tempo os amigos da Fungipedia sen amosarnos outro dos seu didácticos cogomelos en 3D e, desta vez, o cogomelo escollido non pode ser máis adecuado.

Ca chea de intoxicacións que este outono houbo por consumo deste cogomelo, non estrá de máis botar unha ollada ó modelo interactivo en 3D que desta vez se traballaron en Funguipedia, impecable coma sempre.

Collede o voso manual de campo preferido, botade un ollo á descripción, e tentade ver todas as características comentadas no modelo en 3D. Unha forma de practicar vocabulario micolóxico e quedarvos ca descripcción de este cogomelo imprescindible de recoñecer a tres leguas.

Só un pequeno comentario máis. O anel que se ve neste exemplar está pasado, por iso se ve con ese aspecto e cor. Nun exemplar máis novo, o anel é branco, membranoso e fráxil, ainda que persistente.

Lembrade que tedes que ter instalado o entorno de Java para poder correr a aplicación interactiva dende a súa páxina web; agora xa podedes facer click AQUÍ para fedellar nela o que gustedes... Ler máis...

Máis corros de bruxas... ¡a vista de páxaro!

Fai tempo me atopei no meu navegar pola rede unha sorprendente imaxe que mostraba un campo completamente cuberto de corros de bruxa. Como saberedes, e se non contámovolo, a famosa aplicación Google Earth mostra sempre na parte inferior da pantalla as coordenadas da localización visualizada. Esta información que aparecía naquela imaxe e o propio Google Earth nos levaron directamente ó centro de Indianápolis, capital do estado de Indiana, EEUU, ó campo que podedes ver na imaxe de arriba, que creamos fusionando dúas capturas de pantalla para poder abarcar todo o campo nunha soa fotografía aerea e para que agora (se non pinchástedes nela xa, impacientes) podades desfrutala facendo click para agrandala.

Se aprecian por todas partes corros de bruxa de tódolos tamanos e aspectos. Podedes deleitarvos na variedade de formas que adoptan, fusionándose ás veces para formar estructuras parecidas a corazóns (cando se fusionan dous) ou tréboles (cando se xunta tres, como a uns metros arriba e a esquerda da casota do lado dereito do campo). Usando a ferramenta regla de Google Earth que nos permite tomar medidas en distintas métricas, podemos ver que, por exemplo, o arco de bruxas que atopamos seguindo a liña do cableado cara a esquerda do campo mide case 22 metros de punta a punta, e os círculos que forman a figura de trebol antes mencioado, máis de 7 m cada un.

Para velo online vos mesmos con Google Earth, introducide no campo "Voar a" estas coordeadas tal cal están aquí: 39º 51'02.39 n, 86º 14'40.04 w .

Pero as vantaxes de Google Earth non rematan aquí. Se vos fixades na barra de ferramentas da parte superior da ventá, atoparedes un icono dun reloxo. ¿Para qué sirve? Se premedes nel, aparecerá unha liña do tempo con unhas marcas, correspondentes ó día no que se tomou algunha das imaxes aéreas que utiliza este programa. Pinchando en cada unha de elas podemos viaxar no tempo ata ese día e ver a imaxe correspondente. Non tódalas imaxes son da mesma calidade (como haberedes comprobado se fozastes algo neste programa), depende da fonte da mesma, pero sempre hay dúas ou tres ben boas. A fotografía que acabades de ver, foi tomada o 6 de maio de 2010 (hai que ir en primavera a Indianápolis a ese campo). Pero podemos ir atrá no tempo e atoparnos cunha imaxe do mesmo lugar tomada o 31 de Marzo de 2005 e atoparnos con esto...


Como podedes ver oitra vez en primavera o campo se enche de corros de bruxa, desta vez, con maior profusión no lado esquerdo do campo. Agora, ca axuda da regla de Google Earth e botando man da calculadora, imos a facer unhas contas para que vexades o potencial desta ferramenta no estudo micolóxico. Imos comezar pola segunda das imaxes. Situádevos na caseta da dereita e, logo, no último poste da luz que hai un pouco máis abaixo á esquerda. Numeramos ahí tres pequenos corros porque son doadamente identificables en ambas imaxes. Ahora coa axuda da regla medimos os corros en 2005 e 2010 (máis ou menos, non son círculos perfectos). Ca diferencia das medidas atopamos o que medraron nese intervalo, e dividindo entre os anos pasados obtemos o crecemento medio por ano do corro. Estes foron os resultados:

2005 (diámetro aprox.)2010 (diámetro aprox.)Aumento en 5 anos cm/Ano
Corro A
3,35 m
6,42 m
3,07 m
61,4
Corro B
2,63 m
6,58 m
3,95m
79
Corro C
1,75 m
8,52 m
6,77m
135,5


Curiosos datos, ¿non si? Os dous corros máis pequenos, B e C, acaban logo de cinco anos superando ó maior deles en 2005 e consiguen medias de crecemento anuáis maiores. O corro C, o pegado ó poste, chega a unha sorprendente media de 135,5 cm ó ano. ¿Cómo podemos explicar esta diferencia? Se nos fixamos nas dúas imaxes, hai algo nesa zona que chama a atención. A zona que rodea a caseta da dereita aparece cuberta dunha herba máis verde e espesa, o que probablemente indique unha maior presencia de humidade. Esa zona inclúe o corro C, mentras que B se aproxima ó límite e A está completamente fóra del. Ahora vexamos as medias de crecemento. O corro C, inmerso na zona verde, acada unha media anual de crecemento de135,5 m; o corro B, algo máis alonxado, se queda preto dos 80 cm anuais, bastante lonxe, mentres que A, o corro máis alonxado da zona húmida se queda con menos da metade de cm que C, 61,4.

Se isto é así, estes datos nos indicarían a importancia do grao de humidade para a velocidade de crecemento do micelio, ó amosarse grandes diferencias na mesma entre corros do mesmo fungo (do que por certo, descoñecemos a especie, a ver si algún de Indianápolis se anima a pasarse e botar un ollo...) medrando moi próximos. ¿Vos dades conta do útil que pode ser esta ferramenta para o seguemento e estudo de corros de bruxas?

Ahora dende Refungando queremos facervos unha proposición (non, non de esas). Se coñecedes algún campo con corros de bruxas, pasádevos a botarlle un ollo en Google Earth. Se os corros non son visibles (pola época do ano ou o que sexa), probade a liña do tempo que antes comentamos e mirade outras tomas. No menú Arquivo de Google Earth tedes a opción de gardar a pantalla como unha imaxe. A ver se somos capaces de xuntar uns cantos exemplos e facemos un bo artigo con todos eles. Para non desvelar a localización do voso agocho, simpemente cortade a imaxe onde pon as coordenadas con calqueira programa de edición de imaxes. Logo podedes enviala ó noso correo de contacto.

¿Qué, vos animades? ¡Botade un ollo polo menos! Non diredes que non vos pica a curiosidade... Ler máis...

¡¡O novo Tarrelos de 2010 xa está na rúa!!

Con esta fermosa imaxe de Hygrocybe calyptriformis (J.M Castro Marcote) nos saúda este ano o número 12 da revista da Federación Galega de Micoloxía, Tarrelos.

Esta indispensable revista micolóxica nos trae cada ano as novidades dentro deste extensísimo campo na nosa comunidade, e toca paus tan diversos como a taxonomía, a etnomicoloxía, artigos sobre diversas prantas e árbores, curiosidades, cociña... 75 páxinas de interesantísima información de actualidade micolóxica para calquer afeccionado ós cogomelos.

¿Qué nos trae este ano?

Pois este ano temos un contido moi variado e interesante, e que inclúe unha descripción dunha nova especie para a ciencia aquí en Galicia (da que falaremos pronto, como non), Entoloma capeladense. Aquí vos deixamos o índice de artigos para que vos fagades unha idea de como está o patio:
  • Helvella juniperi, una seta frecuente en nuestros arenales.
  • Algunas especie catalogadas del género Lactarius Fr. en Galicia (II Parte).
  • Outra especie de clima mediterráneo da recacha de Monforte de Lemos.
  • Agaricales de las dunas de Galicia (II): Campanella caesia Romagn.
  • Leucocortinarius bulbiger (ALb. & Schwein.) Singer: o cortinario branco no concello do Corgo (Lugo).
  • Notas sobre el género Entoloma en Galicia (III): Entoloma capeladense, una nueva especie del subgénero Leptonia.
  • Amanitas comestibles.
  • Notas sobre amanitaceae en el noroeste de la Península Ibérica: Amanita pantherina f. albida R. Schulz y Limacella illinita (L.: Fr.) Murril var. illinita.
  • Quercus robur L.
  • As Margaridas ou Margarides.
  • Folclore e usos dos Gasteromycetes.
  • La Biodiversidad amenazada.
  • Vestimenta y calzado para la prácyica de la micoclogía.
  • El género Cantharellus en micogastronomía.
Como vedes artigos para tódolos gustos. Os textos como podedes ver están en castelán e galego. Se estades interesados nun exemplar, a revista sae en 3 €, un regaliño nos tempos que corren. Podedes encargar o voso antes que se agote na nosa dirección de contacto, refungando@gmail.com. ¿A qué esperades? Ler máis...

Aquí o que non corre, escarva..

Xa había tempo que non subiamos videos. Nada que non podamos resolver nun vira vira. O protagonista de hoxe non é novo en Refungando. Hoxe imos a ver un video de Paul Stamets, coñecido micólogo estadounidense do que xa puidemos ver unha interesante conferencia por aquí (recomendámovos ver no enlace a súa intervención), e que desta volta nos regala con un sorprendente video filmado por David Springbett no Olympic National Park, no estado de Washington (moi, moi pretiño da illa de Vancouver, xa Canadá).

Mentres camiñaban polo bosque foron testemuñas casuais dunha destas esceas que se nos presentan no monte moi de cando en cando e nas que hai que estar moi rápido para documentala: un esquío andando ás trufas. Mr. Stamets dase conta do que está a acontecer e reclama ó cámara rápidamente que grabe en silencio a escea sen facer preguntas. O resultado, este video, que ademáis de ser un excepcional documento naturista, nos permite ainda que sexa de refilón pasar a coñecer algo dos cogomelos hipoxeos (fungos cuios cogomelos medran baixo terra, entre os que destacan as desexadas trufas) e as súa técnica para espallar as esporas.

O video está en inglés, pese ás nosas reiteradas peticións ó señor Stamets para que o repetira en galego non normativo. Mr. Stamets é un home moi ocupado e non puido ser. Por iso faremos unha traducción o millor posible dos comentarios logo do video. ¿Estarán tan listos os esquíos por aquí? Estaremos atentos a ver que andan polos nosos piñeirais... Namentres, disfrutade o video.



Traducción:

- Ben, isto é moi especial, nos acabamos de atopar con un esquío cavando na busca de cogomelos hipoxeos mentres camiñábamos por esta pista do bosque. De feito, os esquíos comen cogomelos. Os cogomelos hipoxeos son cogomelos subterráneos semellantes ós peidos de lobo... o esquío levou un e aquí hai oitro moi moi pequeno... Son cogomelos micorrízicos, medran en asociación cas raíces das árbores... Estes fungos hipoxeos son moi importantes para os esquíos, especialmente para os esquíos voadores, que son parte da cadea alimenticia que leva ata o buho moteado. O buho moteado é un predador do esquío voador, e esta e oitras especies de esquíos se alimentan de fungos hipoxeos. Esto mostra a importancia destes fungos para o bosque e para as especies mencioadas.

-Hai unha capa productora de esporas no interior, así que cando as abren e as consumen as esporas baixan pola gorxa do esquío, polos seus intestinos ata que volven a sair nas súas heces. Así que cando as heces chegan ó chan, ese punto se converte en un lugar ideal e fertilizado para o desenrolo do fungo; esta é unha maneira na que os cogomelos hipoxeos utilizan esquíos e outros mamíferos para extenderse eles mesmos. Así que non só as persoas nos sentimos atraidas polos cogomelos, senón que a maior parte dos mamíferos o son... dende osos ata... todo tipo de mamíferos bípedos e cuadrúpedos disrutan dos fungos como unha fonte de alimento.

-[O cámara pregunta pola calidade nutricional no cogomelo]: Oh, é bastante abundante, estos cogomelos conteñen preto do 40% proteinas e teñen niveles realmente altos de vitamina B e tamén de vitamina D, difícl de atopar na cadea alimenticia e moi importante para o sistema inmune.

The End. Ler máis...

II Outono Micolóxico de Negreira

A actividade micolóxica segue a bulir na nosa comunidade. Hoxe mesmo comeza o ciclo de conferencias que a Asociación Micolóxica Sendeiriña (Hmm, xusto agora teño a secar unhas cantas... están a ser moi aundantes este ano.) organizan en Negreira no marco do seu II Outono micolóxico. Tódalas charlas se celebrarán na Casa da Cultura de Negreira. Aquí tedes o listado de confrencias e poñentes para ir acomodando a axenda, un menú pensamos que ideal para iniciados:
  • O mércores 17, ás 20:30 "Principais especies comestibles do Val de Barcala" a cargo de Alexis Pena.
  • O xoves 18 tamén ás 20:30 "Os boletais" a cargo de Puri Lorenzo.
  • E o venres 19 ás 21:00 (un pouco máis tarde) "O xénero Amanita" a cargo de J.M. Castro Marcote.
Visto o visto este ano, recomendávomos a todos, tamén os que teñen algo de experiencia (sempre se aprende algo novo), que non vos perdades a charla sobre o xénero amanita; un xénero moi abundante en Galicia e que inclue algunhas das setas máis tóxicas do mundo dos fungos. Hai que coñecelo ben, pola conta que vos trae. Aquí tedes unha oportunidade máis da man de Sendeirinha. ¡Non a desaproveitedes! Ler máis...

Asasino implacable: Armillaria mellea

Sinónimo: Armillariella mellea
Galego: Armilaria de mel, Palote de madeira
Castelán:
Armilaria de color miel

(Desculpade a tardanza en escribir, pero as nosas xornadas nos comeron todo o tempo e algún máis e tivemos esta semana de merecido descanso. Agora, xa estamos on, co micelio recargado. ¡Imos aló!)

Asasino si, pero non de persoas, non vaiades crer; ese título corresponde sen dúbida a Amanita Phalloides. Pero si de árbores. Armillaria Mellea (e demáis armillarias) é un voraz e implacable inimigo de árbores de todo tipo, ás que ataca, por se fora pouco, en dous frentes para asegura-la victoria: a través das súas esporas esperando algunha ferida en pólas ou tronco para comeza-la invasión e (se cadra máis efectivo ainda) "chimpando" baixo terra de raíz en raíz, infectando apartado da vista toda canta árbore se interpón no seu camiño. Non é raro entón, que cando nos atopamos con esta especie, sobre todo en lugares cas árbores medrando xuntas, fructifique abarcando unha gran área de terreo, medrando sobre o chan, en tocóns e nas bases das árbores ainda vivas.

A súa cor, e tendencia a medrar de forma fasciculada (formando enormes ramos), fan que forme incribles esceas micolóxicas de gran beleza sobre todo nos tocos de árbores taladas. Unha paradóxica contraste a deste cogomelo, entre a beleza da que é capaz de amosar, fronte á destrucción que a súa aparición acarrexa consigo.

Hoxe, esta entrada vai adicada a Manel, amigo que nos sigue dende Noia e que tiña curiosidade por saber deste fungo. Pois nada, aquí o tes, vai para ti. Pasen todos, acomódense, e lean...

DESCRIPCIÓN

Sombreiro: 5-10 cm de diámetro, ás veces máis. Ó principio hemisférico ou globoso, axiña convexo, máis ou menos aberto, na madurez aplanado e xeralmente umbonado. De cor moi variable desde a amarela mel a parda con tons avermelaldos e incluso oliváceos. Superficie cuberta de pequenas escamas ou flocos de cor apardazada, máis concentradas no centro. Marxe encurvada, estriada e ó final ondulada. Como ocorre nos casos en que os sombreiros qedan uns enriba de oitros ó medra de maneira tan agrupada, cando os cogomelos maduran , os sombreiros dos de máis abaixo soen estan cubertos dun fino pó abrancazado: a esporada.

Lamelas: Delgadas, algo separadas, desiguais e máis ou menos arqueadas, anexas ou decorrentes por un dente (fixádevos que a inserción das lamelas se presenta variable, esto nos podería levar a erro!). Abrancazadas, logo amarelado apardazadas e manchadas de avermellado na madurez.




Pé: 10-15 (20) X 1-3 cm. Longo, clíndrico, engrosado na base, claviforme (ou, como na fotografía da esquerda, algo ahusado e radicante), recheo e máis tarde oco. Cor branca amarelada, apardazada na base. Anel membranoso, persistente, groso e amarelado. Superficie estriada no ápice ata o anel e debaixo fibrilosa.

Carne: Delgada, sólida e fibrosa no pé. De cor branca que escurece ca idade. Olor fúnxico e sabor amargo.

Hábitat: Crece sobre pólas e troncos vivos ou mortos de frondosas, coníferas, froiteiras (como a da imaxe, enviada polo amigo Villa e tomada na súa horta), preto do chan, das raices e zonas danadas, parasitando e destruíndo o ser vivo do cal se alimenta. Cespitosa, en grandes acios (ramos). Incluso se retiramos a árbore, A. mellea pode seguir brotando cada ano alimentándose dos restos das raices soterradas. Verán e outono. Común. Na zona do Barbanza é máis frecuente atopar oitras armillarias, pero donde aparece mellea, faino con moita profusión.

Observacións: En canto á comestibilidade, A. mellea se considera por aquí un comestible mediocre; é de ese cogomelos que se consumen según onde. En Galicia, o que nos toca, non é moi consumido e pouca xente se atreve a probalo (en EEUU, por exemplo, se comercializa hai tempo e aquí en España se empeza agora). Recoméndase sempre recoller só os exemplares máis novos, cando todavía non esporou o cogomelo, e someter a unha cocción previa (a carne ennegrece no proceso) para minimizar riscos dalgunha posible intoxicación. Non todo o mundo tolera este cogomelo (algunhas persoas carecen dunha enzima hepática que neutraliza as toxinas deste), polo que se vos decidides a probar, recomendamos a primeira vez consumir pouca cantidade por se as moscas esas... As posibles complicacións no seu consumo, a súa medicocre calidade coma comestible (coma sempre, cuestión de gustos) e a posibilidade máis que probable de confusión con oitras armillarias (como as presentes na nosa comunidade Armillaria lutea, ou Armillaria cepistipes) fan que debamos non recomendar o seu consumo.

O alto índice de mortalidade entre as árbores atacadas por A. mellea se debe a que o que este fungo fai é apodrecer as súas raices, matando por inanición á pranta. A súa técnica de expansión principal consiste en ir medrando a través do sistema radical da árbore ata que entra en contacto co de oitra, infectandoa. Esto pode ocorrer de dúas maneiras: por contacto directo dunha raiz infectada con oitra ou a través dos rizomorfos que o fungo forma e que poden chegar ata os 3 m de longo medrando nas capas superficiais do chan. Os rizomorfos (literalmente, con aspecto de "raíz") son estructuras radicais formadas pola asociación de hifas situadas en paralelo que dan lugar a pequenos "tubiños" en forma de cordón, ou raíz, e que é un óptimo vehículo de transporte de nutrintes. Por iso son "órganos exploradores" excelentes na procura de novo alimento e como vehículos de invasión. De feito, en estadios avanzados de infección podemos observalos baixo a corteza das árbores como unha malla con aspecto de raíz (rizomorfos, claro) do grosor dos cordóns dun zapato que se extende pola superficie da madeira.

Con esta técnica este fungo pode chegar a facer moito dano, extendéndose cada ano ata un metro e deixando un rastro de árbores enfermas ou mortas. Fixádevos na imaxe da esquerda (fonte: http://www.na.fs.fed.us/spfo/pubs/fidls/armillaria/armillaria.htm), na imaxe deste bosque ó oeste de Montana (EEUU) se poden apreciar perfectamente tres focos de infección. Para que vos fagades unha idea, ¡¡o gran círculo de abaixo ten unha 8 hectáreas!! Por certo e para rematar, para os que non tiverades a ocasión de lelo en Refungando, AQUÍ tedes un artigo que fala do ser vivo máis grande do planeta... unha armillaria.

Bueno Manel, espero quea aclararas dúbidas e haberte axudado algo. Como verías, Gymnopilus junonius e Armillaria mellea non se parecen moito. Non olvides refungar un pouco de cando en cando. Din que é bo para o corazón.

Un saúdo a todos!
Ler máis...

XIII Xornadas Micolóxicas en Bueu

Se pensabades que xa podiades descansar de actividade micolóxica este outono... mal pensado. Todavía arde lume en Bueu ca proximidade das XIII Xornadas Micolóxicas organizad s pola Asociación Micolóxica Naturalista Liboreiro, unha das últimas oportunidades que teredes esta tempada de achegarvos un pouco máis de preto o mundo dos fungos.

A partir do martes 23 de Novembro e ata o sábado 27 poderemos disfrutar do suculento e variado menu fúnxico que nos teñen preparado os de Bueu. Menú que vos servemos a continuación...

  • Martes 23: "Principais especies comestibles e as súas posibles confusións", Puri Lorenzo.
  • Mércores 24: "Cogomelos dos ecosistemas dunares", Xosé M. Castro Marcote.
  • Xoves 25: "Xénero macrolepiota e especies afíns", Chemi Traba.
  • Venres 26: "Prantas con comportamento invasor no morrazo: pragas e ameazas", Xurxo Mouriño Lourido.
  • Sábado 27: Saída ó monte dendo do Centro Social do Mar ás 10:00 da mañá.
Todas as conferencias se celebrarán ás 20:00 no Centro Social do Mar.

Dende Refungando non podemos de deixar de recomendar a charla de Marcote, "Cogomelos dos ecosistemas dunares", que tivemos a ocasión de incluir este ano tamén nós nas nosas charlas e que resulta do máis interesante.

Este ano, quen non aprendeu algo máis de cogomelos, foi porque non quixo. Así que xa sabedes, tedes unha cita en Bueu cos cogomelos e as súas cousas. Xa tedes a ferramenta, agora queda na vosa man empregala. Ler máis...

Amanita phalloides ataca de novo

Xa o adiantábamos fai uns días. Tal como vai a cousa este ano, non habían ser, lamentablemente, aquelas as últimas novas de intoxicación por Amanita phalloides. O que non pensamos era que fosen a chegar tan pronto.

Esta vez a desgracia ocorreu en Madrid con unha familia enteira novamente intoxicada. O pai, de 77 anos, faleceu; asua muller de 57 e o seu fillo de 32 están agora mesmo graves no hospitalo en Madrid e o cuñado do falecido, de 61 anos, ingresado na UCI do Hospital Xeral de Ciudad Real. Segundo o alcalde de El Torno de onde eran a familia, os intoxicados NON eran afecionados á micoloxía. E despois pasan as cousas que pasan. ¿Qué carallo lles pasou pola cabeza? ¿Pero non está todo o mundo máis que avisado de que hai cogomelos velenosos e mortais? Asimilade esto, sin palabras bonitas: se alguen confunde unha Amanita phalloides co que sexa, que vos quede claro que non ten nin puta idea. É perfectamente posible ir ó monte durante 10, 15 , 20 anos e non ter nin idea de micoloxía, recollendo catro ou cinco especies e sen molestarse por aprender nada máis. Neste campo, NUNCA se deixa de aprender. Así que botade man de manuais de campo, e grabádevos a descripción de Amanita phalloides a lume no cranio.

Dende Refungando imos, se fai falla, a machacarvos con Amanita phalloides ata que soñedes con ela. Os exemplares da imaxe son os primeiros que nos atopamos por Ribeira, un pouco tardíos este ano, así que xa é hora de andarnos con moito ollo por estos lares. Avisados estades. Quedádevos con eses característicos tons verde olivas do sombreiro recorrido de finas fibrilas radiais escuras, o anel branco, o pé fibriloso, lamelas brancas, a volva saquiforme...

¡¡¡E ANTE A MÁIS MÍNIMA DUDA, NON CONSUMADES NINGÚN COGOMELO!!! Ler máis...

O micelio bule baixo Ponteareas: XXI Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista Adenco


¡Bulide que xa comezaron! Este 29 de Outubro o Grupo Ecoloxista Adenco abría o seu ciclo de actividades de este outono con unha interesante charla-coloquio de suxerente título: "Conservación dos fungo galegos". Unha pena que non no enterasemos antes. Co que nos gusta polemizar e refungar. ¡Qué lle imos facer! O bo é que chegamo para o resto, que non é pouco, con múltiples actividades dende o 6 ata o 22 de novembro.

A través de actos micolóxicos divulgativos de todo tipo a cabalo entre Ponteareas, Porriño e Mondariz, o compañeiros de Adenco nos invitan a unha apaixoante viaxe polo mundo dos fungos de maneira que nestas datas a provincia de Pontevedra ferverá de actividades fúnxicas, pois como verede en próximos días, non son os únicos que argallan algo na provincia galega de abaixo á esquerda.

¿Qué como vai a cousa? Pois non tedes maís que pinchar nas imaxes dos orixinales cuadrípticos que se curraron os nosos veciños de máis alá da Ría de Arousa para enterarvos de todo o que vos teñen preparado.

Animádevos a achegarvos e, lembrade este outono: catro cestas cheas de cogomelos non son unha heroicidade micolóxica, son un abuso e unha desfeita. Ler máis...

Un clásico dos nosos montes: Gymnopilus junonius

Sinónimo: Gymnopilus spectabilis, Pholiota spectabilis
Galego: cogomelo da risa, foliota dos piñeiros

Castelán: hongo de la risa


Sí amigos, hoxe toca descripción. E o cogomelo elixido esta vez e todo un clásico dos montes barbanzanos, abundante, difícil de ignorar, e que precisamente por iso é un fixo nas cestas que seteiros principiantes te traen para identificar.

Todo un fixo cada outono da nosa zona, pola abundancia de piñeirais e eucaliptais que proporcionan cantidade de tocóns dispoñibles para acomodarse.

Difícil de ignorar polo seu gran tamano, as súas vistosas cores vivas, e atendencia que ten a medrar de forma cespitosa, en ramilletes, que o fan visible no monte a gran distancia.

Por todo o anterior, tódolos anos aparecen varias persoas que xa se ven cos numerosos e robustos exemplares na tixola, por eso hoxe imos a coñecer un cogomelo que, a parte de ser moi sinxelo de atopar, é tamén moi sinxelo de identificar. Con un plus. As características tan rechamantes de Gymnopilus junonius (de Gymn espida, e Juno, deusa romana muller de Xúpiter) fan del un modelo micolóxico perfecto para o afecionado á fotografía do Reino Fungi compoñendo fermosísimos cadros de cogomelos.

Nos deixamos algo. Unha característica que lle vale o nome inglés de laughin Jim ("Jim o sorinte". Xogo de palabras entre gym de gymnopilus e o nome propio Jim, que se pronuncian igual en inglés) ou o de waitake (en xaponés, fungo da risa). E por se acaso o nome no é suficientemente suxerinte, vos aclaro que si, este cogomelo contén pequenas cantidades de psilocibina entre oitras. Pero non botedes os sombreiros ó aire todavía e soltada a navalla e a cesta. Máis adiante trataremos esta cuestión máis en profundidade. Agora xa sabes o que tes que facer para seguir lendo este artigo ca descripción comentada por Refungando e extraida de "Cogomelos de Galicia": pincha abaixo en ler máis.


DESCRIPCIÓN

Sombreiro:5-15 cm de diámetro. Moi carnoso, primeiro hemisférico, loco convexo e ó final aplanado. Pardo amarelado, amarelo leonado ou alaranxado, sempre con tons vivos. As cores poden variar moito dependendo do enchoupado ou seco que esté o cogomelo como veredes nas imaxes deste artigo: dende un amarelo ocráceo case dourado, ata un laranxa escuro parecido ó dos níscalos. A cutícula seca, non higrófana, cuberta definas escamas ou fibrilas de cor parda alaranxada. Marxe involuta e non estriada.

Lamelas: Estreitas, redondeadas, moi apuntadas, adanadas e subdecorrentes por un dente. Amareladas e pardo ferruxentas ao madurar as esporas, como no exemplar da imaxe de abaixo.

Pé: 6-15 x 1,5-3 com. Robusto, cheo, claviforme, a menudo ventrudo e algo atenuado no alto. Concolor ou máis amarelado, sobre todo baixo as lamelas. Superficie fariñenta pruinosa, fibrilosa escamuda no resto, ás veces lisa. Anel alto, concolor e membranoso que a miúdo deixa restos na marxe do sombreiro.

Carne: Grosa, firme e amarelada. Olor leñoso non agradable e sabor amargo.

Hábitat: Crece preferentemente en tocos de coníferas ( ainda que por aquí é frecuente velo en tocóns de eucalipto), tamén en planifolios. Na base dos troncos de árbores mortas. Cespitoso. Verán e outono. Frecuente.

Observacións: Estamos ante un cogomelo que acada grandes dimensións, polo que non debería ser confundido con oitro con facilidade. A súa cor, hábitat e porte robusto fanno sinxelo de recoñecer.

Sobre a cuestión da comestibilidade, aparte efectos alúcinóxenos hai que dicir que a carne é extremadamente amarga, o cal xa de por si xa o deixaría fora da cociña. Logo está a cuestión que xa adiantamos dos efectos psicotrópicos dos que algúns tanto gustan. Gymnopilus junonius contén psilocibina e psilocina, dúas sustancias alucinóxenas que poden provocar síntomas similares a unha borrachera e alteracións da percepción. Pero hai un pero: os exemplares atopados en Asia e na costa este de EEUU, parecen conter máis cantidade de estas sustancias que os atopados en Europa e na costa oeste de EEUU. Algúns autores diferencian a Gymnopilus spectabilis de Gymnopilus junonius como especies separadas; se así fose, esta distinta concentración de psicotrópicos podería estar ligada a distintas especies ou subespecies e non a particularidades dos distintos hábitats. En todo caso, e ante a falla de estudios serios sobre a súa comestibilidade (que descarten efectos adversos no organismo debido a outras sutancias que o cogomelo puidera conter), debemos catalogar este cogomelo coma tóxico e deixalo para as nosas fotos, isto a pesar de que os xaponeses viaxen a bordo deste cogomelo dende antigo.

En próximos días iremos vendo máis cogomelos, algún fáciles de recoñecer e ver, coma o protagonista de hoxe, oitros, un pouco máis raros. En todo caso, seguide sintonzando con Refungando para compartir con nós andanzas, curiosidades e a beleza do Reino Fungui.

¿Estades a ser bos no monte? Así me gusta...

Ler máis...
Related Posts with Thumbnails