Milagres da simbiose: Cladonia Floerkeana

Imos ver algo un pouco raro para comeza-lo ano, a ver que tal vos presta. Veremos como a micorriza non é o única forma de simbiose que practican os nosos amigos fungos e aprenderemos catro cousiñas deste curioso organismo. O que vedes na imaxe é un liquen (atopado no alto de Iroite, medrando sobre unha rocha), un organismo simbiótico no que unha alga e un fungo se asocian para o seu beneficio mutuo. Coma dous bos compañeiros de piso, ambos se apañan para botar unha man ó outro no que mellor saben facer: o fungo, se encarga de que non falte humidade e da protección contra a radiación solar, mentres que a alga aporta a súa capacidade fotosintética. Xuntos poden colonizar os espazos naturais máis adversos e vivir miles de anos. Para que vos fagades unha idea, en 2005, dúas especies de líquenes árticos foron expostos ás inclemencias do vacío do espacio nun experimento da Axencia Espacial Europea e... sobreviviron. Pero ocorre que aínda que soportan ecosistemas extremos, son moi sensibles á contaminación ambiental, e polo tanto son un bo indicativo á hora de analizar a saúde dun entorno; a cousa ponse complicada cando comezan a desaparecer estes bichiños.
A forma vexetativa do organismo simbionte coñécese co nome de talo, e pode ser de moitos tipos atendendo ó seu aspecto. No caso que nos ocupa, Cladonia Floerkeana, presenta un talo fruticuloso (que ten algo así coma aspecto de arbusto, máis ou menos; ramificado e normalmente cun só punto de unión co sustrato). O noso líquen forma unha costra verde pálido da que emerxen pequenas ramiñas de ó redor de 2 cm de lonxitude, de textura granulosa, ás veces ramificadas e rematadas con unha estructura globosa vermella chamada podecio e que contén as esporas. Un deseño realmente fermoso. ¿Non vos parece?

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts with Thumbnails